Miguel Fernández, novo concelleiro do BNG de Láncara: “Asumo esta responsabilidade con ilusión por facer cousas”

Jessica Fernández
Como asume o cargo de concelleiro?
Asumo este posto con ilusión e coa expectativa de intentar facelo tan ben como Iago Bande. Fáltame experiencia, porque é a primeira vez que estou de concelleiro, xa que nas anteriores eleccións conseguimos só un escano, por 19 votos non entrei, e será un reto que asumirei con responsabilidade e traballo.
Como cre que será a consideración da poboación de Láncara da súa persoa?
Eu creo que, como cidadán, penso que é boa; xa que me coñecen, aínda que non saben como son como concelleiro, pero espero que teñan a mesma. É algo novo para min e intentarei facelo o mellor posible, xa que non só son veciños, moitos dos cidadáns de Láncara son amigos aos que podo axudar.
Falando de traballo, seguirá a mesma liña que ata agora?
Si, por suposto. Para min, Bande foi un gran concelleiro e sempre estivo disposto para o pobo. Fixo todo o que lle deixaron, porque é difícil estar na oposición, e máis cando os que gobernan teñen maioría absoluta. Pero seguiremos trasladando as demandas dos veciños e as veciñas aos plenos, e a ver que se pode facer.
Defenderon a importancia de non eternizarse nos cargos, por que é importante isto na política?
Como todo na vida, é importante saber deixar paso a outras xeracións e ver se se pode facer algo máis. Para min, persoalmente, é unha magoa que Iago Bande abandone porque todos os seus compañeiros pensamos que o estaba facendo de marabilla, pero confía nun proxecto novo e xa quedan dous anos para as próximas eleccións municipais, polo que é importante que me vaian coñecendo tamén os veciños como concelleiro.
Cales son as necesidades que ve o BNG en Láncara?
Desde o BNG cremos que está todo moi abandonado. Hai zonas nas que está todo deixado. Só se fai algo cando son eleccións, pero o resto dos anos deixan as aldeas sen arranxar e deterióranse. Hai estradas locais en moi mal estado, camiños sen limpar, xente que non ten un acceso decente á súa vivenda... Moitas veces son os veciños os que van limpando... E non pode ser que a escusa sexa sempre a falta de persoal. Por outro lado, fai falta vida cultural promovida por parte do Concello. E tamén é un problema o estado dos puntos limpos, que están cheos, polo que a xente tira o lixo fóra. Está todo sen recoller en puntos limpos como o de Lama, o de Trasliste... E outro problema é que o Goberno local se centra só na Pobra de San Xiao, que si, é importante, pero hai que atender a todo. Nas aldeas hai escolas pechadas, que non se poden utilizar como locais porque teñen os cristais rotos e están abandonadas, pero ás veces os veciños necesitan esas instalacións para facer reunións e acaban reuníndose na casa dalgún veciño ou na rúa.
Como se poden arranxar estes problemas?
Eu penso que o maior problema é a actitude do Goberno local, xa que a Deputación de Lugo axuda moito, polo que é cuestión de pedir. En Baralla e O Corgo non son do partido da Deputación e están mellor que nós en canto á recollida de lixo nos puntos limpos. O Concello avisa e veñen recoller, polo que está mellor xestionado que aquí, que podería ser igual. Os veciños e veciñas trasládannos queixas e nós dámoslles voz, porque cremos que hai que atender a todos igual. Pero si que é certo que sorprende como está Láncara e, á hora de votar, sempre saen elixidos.
Cales son os proxectos máis urxentes que levarán a cabo desde o BNG?
Seguiremos unidos Iago e eu para seguir a mesma liña de traballo, tendo como prioridade o impulso do sector primario en Láncara e na comarca. Hoxe é moi difícil que a xente siga no sector primario, por iso haberá que buscar axudas e impulsar dalgunha maneira aos empresarios para subvencionar que poidan contratar persoas para traballar aquí. No sector primaria trabállanse os 365 días traballando e unha persoa soa non pode con todo. Por outro lado, queremos apostar tamén polo comercio local, pedindo algunha axuda para que a xente poida asentar o seu negocio aquí e tamén que a veciñanza apoie este comercio, en vez de ir a Sarria ou Lugo, porque se non moitos pechan. Finalmente, tamén nos centraremos en seguir traballando por propoñer máis políticas de conciliación e benestar, sobre todo enfocados no Servizo de Atención Temperá. Así como tamén promoveremos que haxa unha parte cultural e deportiva. Concretamente, estamos pendentes dunha axuda que lle pedimos á Deputación de Lugo para arranxar o teito e os vestiarios do pavillón municipal, co fin de que se poidan desenvolver da mellor maneira posible as Escolas Deportivas de Láncara.