Miguel Gallego incorpora á súa lista do PP de Samos a Martín Chaos
O candidato do PP á Alcaldía de Samos, Miguel Gallego, incorpora como número 2 da lista ao actual presidente local, Martín Chaos Carballo, que formará equipo do PP de Samos para as eleccións de maio.
Gallego considera que se trata "dun bo perfil para lograr o obxectivo de gobernar o noso Concello" e destaca que "ten experiencia de Partido", debido a que é o dirixente da formación samonense dende 2009.
"Creo que formamos un bo equipo, que, sen dúbida, temos que seguir ampliando e traballando para acadar a gobernabilidade", defende Gallego.
Miguel Gallego ten 25 anos e é o terceiro candidato máis novo tanto da provincia como de Galicia; mentres que Martín Chaos ten 45 anos e está vinculado laboralmente ao sector da extinción de incendios.
"Samos é un municipio cunha alta porcentaxe de despoboamento. Penso que temos que ser nós, os máis novos, os que nos impliquemos para atraer servizos e prestacións que aumenten o valor económico que xa nos dá ser lugar de paso do Camiño Francés e, en consecuencia, para que máis mozos e mozas decidan emprender aquí", concluíu Gallego.