Miguel Valcárcel, presidente de Terra Brava: “Esperamos que Dakidarria faga un concertazo no festival”
Falamos con Miguel Valcárcel Silva, presidente da Asociación Terra Brava do Incio e organizador da XX edición do Festival neste 2023.
Como naceu a idea de promover este festival?
O festival naceu no ano 2003 coa idea de traer actividades culturais ao pobo e promover a música galega.
Como foron os comezos?
Os comezos foron nunha carballeira pequena e facíase o xantar e os concertos na mesma carballeira. O primeiro ano foi no 2003 cos grupos Barallete, Quempallou, O Jarbanxo Negro e foi presentada por Xurxo Souto.
Por que a elección da súa celebración nesas datas de agosto?
Cando se empezou a organizador a primeira edición, fíxose en agosto porque é cando hai máis xente no pobo e xa quedou así.
Cambiou moito a forma de organización desde o principio ata agora?
A organización segue sendo moi parecida. É un festival feito coa participación e implicación de moita xente do pobo e moito traballo, xa que tampouco contabamos con moita aportación das administracións como en outros festivais.
Fan 20 anos desde a primeira edición, como se senten?
Pois moi ben, pero tamén moi cansos, xa que hai que facer moito traballo para conseguir sacar adiante novas edicións.
Mudou o estilo de música polo que apostaban ao principio con respecto a agora?
Si, algo mudou, xa que antes era cara a un 50 % de música tradicional e agora, aínda que en todas as edicións se procura traer sempre algún grupo tradicional, apóstase tamén por máis xéneros musicais.
Como é o a acollida por parte dos veciños do Incio?
Os veciños nunca faian no festival. Practicamente, no xantar está todo o pobo, polo que a aceptación é boa, xa que facemos que se unan todos os veciños.
E por parte dos visitante e os turistas?
Moi ben tamén. Ademais, cada ano vén máis xente, incluso o ano pasado acudiron persoas de varios países.
Como vai ser esta edición número 20 do Festival?
Este ano ampliamos a dous días o festival, incluíndo obradoiros para nenos na Praza do Incio. Ademais, haberá actuacións dos alumnos das clases de música tradicional do Incio o venres e o sábado.
Así, haberá actividades e música, así como os concertos principais, durante todo o día, desde a mañá á noite.
Cales son os grupos que máis van impresionar aos que acudan ao evento?
Todos, xa que son todas bandas moi boas e esperamos que Dakidarria faga un concertazo, xa que está de XX aniversario, ao igual que o Terra Brava.
Que proxectos futuros teñen en mente?
De momento seguir nesta liña e, se se consegue máis colaboración das institucións, seguir medrando e sobre todo que non se perda esta tradición de darlle vida ao rural, neste caso, no Concello do Incio.
Como valoraría este evento no contexto do Concello do Incio e na comarca de Sarria?
Sen dúbida, é o festival máis grande e lonxevo da comarca de Sarria, polo que pasaron moitísimas bandas e das máis importantes a nivel estatal.
Para o Concello do Incio é unha publicidade moi boa e dá a coñecer o pobo a moita xente que esa fin de semana vén desfrutar; pero tamén para os negocios locais, xa que tamén se benefician dunha gran aportación económica, pero tamén social e cultural.
Teñen apoios institucionais? De quen?
Podemos afrontar unha nova edición grazas á axuda que que todos os anos dá o Concello do Incio.
Este ano, ademais, temos unha pequena colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta por primeira vez, pero son insignificantes con respecto a outros festivais aos que aportan moitos máis fondos, co cal desmoralizan moito á hora de afrontar novas edicións.
Algo máis que queiran engadir?
Animar a toda a xente a que se pase os vindeiros 25 e 26 de agosto polo campo do Incio para desfrutar de experiencias que é mellor presenciar esa fin de semana e da música de artistas e grupos interesantes.