Militantes do PSOE de Sarria denuncian irregularidades na convocatoria da Asemblea Extraordinaria

Algúns militantes do PSOE de Sarria manifestaron o seu malestar ante o que consideran un "reiterado incumprimento dos estatutos e do regulamento do partido por parte da executiva municipal".
A controversia xurdiu arredor da recente convocatoria da Asemblea Extraordinaria para a elección de delegados ao 15º Congreso Nacional Galego, un proceso que, segundo denuncian, estivo marcado por irregularidades.
Segundo explican estes militantes, a primeira convocatoria, enviada o 6 de febreiro para celebrarse o día 9 do mesmo mes, non cumpría cos requisitos establecidos no regulamento.
Entre os defectos que sinalan, destacan a ausencia de membrete do partido, a posibilidade de presentar candidaturas a través do correo persoal do secretario xeral, José Manuel López Torres, e a falta de sinatura de algún membro da executiva local. Ademais, foi distribuída en formato de imaxe a través de WhatsApp, sen garantir que todos os militantes a recibisen.
O principal problema, porén, radicaba en que a convocatoria incumpría o artigo 251 do regulamento, que establece que as Asembleas Extraordinarias deben ser notificadas con polo menos cinco días naturais de antelación. Tras ser impugnada, o secretario xeral recoñeceu o erro o 8 de febreiro.
Porén, o 9 de febreiro os militantes recibiron unha nova convocatoria para o 12 de febreiro, desta vez con membrete e sinatura, pero que de novo incumpría o prazo regulamentario. A pesar dunha nova impugnación, nesta ocasión nin a executiva municipal nin a provincial tomaron medidas ao respecto.
Estes militantes consideran que a executiva local tivo tempo suficiente para organizar o proceso conforme á normativa interna, xa que os prazos do Congreso Nacional estaban fixados desde o 21 de decembro de 2024 e a data límite para presentar delegados era o 8 de febreiro de 2025.
Un dos denunciantes, José Luis Santamaría, relatou que recibiu unha chamada do secretario xeral local o domingo 9 de febreiro, na que se lle pediu que desistise da impugnación. "Cando non funcionaron os seus argumentos, pediume xenerosidade", sinalou.
Os militantes críticos denuncian que se lles tratou de vincular con outra formación política e que foron ignorados tanto pola executiva municipal como pola provincial. Na asemblea finalmente celebrada, solicitaron que quedase constancia por escrito da impugnación da convocatoria. "Se finalmente non existe dita constancia, será responsabilidade de terceiros, non nosa", advertiron.
Ante a falta de resposta oficial á impugnación, consideran que calquera decisión adoptada na asemblea podería carecer de validez e que, por primeira vez, a agrupación do PSOE de Sarria podería quedar sen representación no Congreso Nacional.