Mónica Fernández, do Club Xirandela: “O máis importante é que as ximnastas desfruten da rítmica”
Por Jessica Fernández
Hai 25 anos, a ximnasta sarriá e docente Mónica Fernández decidiu poñer en marcha unha escola de ximnasia rítmica para seguir os pasos que deron con ela e seguir promovendo o coñecemento deste deporte na súa vila, Sarria. A evolución desde o ano 1999 ao día de hoxe valóraa como “súper positiva”, xa que empezaron con 5 nenas e no día de hoxe pasan das 100. Concretamente, teñen 86 alumnas do propio Club Xirandela e outras do colexio da Merced e do Colexio da Asunción en forma de actividade extraescolar. Foi neste último onde a ximnasia rítmica aterrou en Sarria da man de Elena Pérez e Noemí Tallón, esta última tamén adestradora do club a día de hoxe. Ademais, Mónica Fernández puxo en marcha en Becerreá, coa axuda de pais e nais das nenas do cole, un club de ximnasia rítmica co que, agora, teñen moi boa colaboración, o Club Ximnasia Becerreá.
As técnicas tamén foron cambiando dende os comezos. Cada catro anos, facendo coincidir con cada ciclo olímpico, “o código da rítmica modifícase, polo que tes que adaptarte a ese código que tes que ensinar, ou ás novas técnicas. Hai que ir adaptándose ao código da Federación Internacional de Ximnasia, que marca en cada ciclo olímpico o que nos esixen para chegar ás competicións”, explica Mónica Fernández, que como profesional deste deporte aposta pola expresión corporal, pola rítmica de antes: “O bonito da rítmica é que a ximnasta che transmita a idea que leva a música, que a reflexe ela nun tapiz”, destaca.
OS ÉXITOS DO XIRANDELA
Con esa capacidade para adaptarse, o Club Xirandela aposta pola división das 86 nenas que teñen como alumnas do Club Xirandela en distintos niveis e categorías segundo as idades. Desta maneira, de 3 a 6 anos teñen as nenas da Escola, onde empezan preparando “o que despois queremos ir recollendo”. A partir dos 5 anos, comeza o nivel de competición coas categorías de iniciación, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e sénior. Antes tamén tiñan máster, pero agora as ximnastas de dita categoría son adestradoras das pequenas. Así, explica que “é un deporte que comeza a idades moi temperás e remata moi cedo, porque cando fan os 18 anos, teñen que marchar a estudar a outros lugares e deixan o deporte, porque é moi difícil de compaxinar, xa que é un deporte que require de moito adestramento”.
Con todo, destaca que “para nós, as adestradoras, todas as nosas ximnastas son un orgullo, xa que cada unha ten as súas peculiaridades e obxectivos, pero todas nos sorprenden, principalmente porque cando se desfruta do que fas, consegues as metas máis facilmente”.
A nivel de éxitos de competición destacan diversos equipos con títulos provinciais, campións galegos, subcampións galegos e bronce galego. Cabe resaltar os tres conxuntos que tiveron a nivel absoluto e nivel base, que lograron desfrutar da experiencia de competir nun campionato nacional: “O conxunto de nivel absoluto chegou a un nacional absoluto en Granada, un conxunto de nivel base estivo en 5 campionatos de España consecutivos e outro conxunto de nivel base tamén estivo nun campionato nacional en Pamplona, tras proclamarse tres anos consecutivos campioas galegas. Chegar a un nacional é moi difícil, máis en Sarria, porque non temos infraestruturas para adestrar ao nivel que se precisa. Por exemplo, temos a necesidade da altura nun pavillón onde realizar cos nosos aparatos as esixencias que teríamos que levar a cabo”.
Así, di que ultimamente sempre apostan polos conxuntos, non por actuacións individuais, xa que “a experiencia dinos que as ximnastas desfrutan máis e pásano mellor e traballan mellor xuntas, ademais de dar máis cabida a un maior número de ximnastas para acceder á competición”, sostén.
Todos estes éxitos acádanse a través dunha serie de valores que se promoven desde o Club Xirandela, aínda que Fernández sostén que “o máis importante é que as nosas nenas desfruten da rítmica e logo, dependendo dos niveis, imos intentando que teñan certo nivel para competir. Nós se vemos potencial non o freamos, e sempre que estean as familias e elas de acordo, nós tiramos ata o que se poida conseguir”.
“O noso principal obxectivo é que sexan felices e desfruten da rítmica, pero tamén que noten os beneficios deste deporte, que son mellorar a postura corporal, estar máis activas, levar unha vida saudable... e tamén aprenden a gañar e perder, que é moi importante para a vida. Sempre promovemos os valores do deporte, que son traballar en equipo, o compañeirismo, a amizade, o respecto, a disciplina, a empatía... Nós o que conseguimos e o que queremos, en definitiva, é que fagan equipo e club, que as pequenas e maiores se vexan nun equipo e que aprendan unhas das outras: as pequenas das maiores e as maiores das pequenas”, conclúe Mónica Fernández.
O PRESENTE E O FUTURO DO CLUB
Actualmente, o Club Xirandela convive con outros dous clubs de ximnasia rítmica na vila, así como con decenas de deportes e equipos que adestran en Sarria, que é “unha vila de moito deporte na que convivimos todos da maneira máis harmónica posible. Con todo, di, hai tanto deporte “que non cabemos nos tres pavillóns”, por iso, cre que unha das necesidades sería ter un outro pavillón “con máis altura principalmente para o noso deporte”. Iso tamén facilitaría a organización dos adestramentos, xa que co número de nenas que teñen, ás veces hai problemas coa organización dos horarios, pero, ante todo, “sabemos que desde o Concello faise o que se pode e agradecemos sempre a predisposición do Concello de Sarria, que sempre nos axuda a todo o que precisamos”.
Con respecto ao futuro, o máis inmediato e o que lles fai máis ilusión ás xirandelas é a masterclass da ximnasta Almudena Cid, que vén polo 25 aniversario. “Queriamos traela no campus de verán, pero non puido ser, entón seguimos a intentalo e conseguimos que o vindeiro día 23 de novembro, Sarria conte coa súa presenza e as nosas ximnastas vivan unha experiencia que estamos seguras non se van esquecer. Para nós é un luxo, é o broche de ouro a un ano cheo de emocións, sorpresas e celebracións”.
Despois, comezarán a traballar de cara á tempada 2025 para competir nos campionatos provinciais e “intentaremos chegar aos autonómicos, estando presentes e representando a Sarria como o vimos facendo dende hai moito tempo”, desexa. E, como cada ano, organizarán o Torneo Vila de Sarria, que en 2025 sería a XXIV edición, e o Campus de Verán, que seguro traerá sorpresas coma cada ano que se realiza. “O máis importante, seguir como ata agora, vendo desfrutar ás nosas ximnastas do noso deporte, e sempre abertas a participar no que sexa, con tal de ver que gozan co que fan, e poder seguir cumprindo anos e transmitindo a ximnasia rítmica a moitas máis xeracións”.