Montse Valcárcel e Rubén Arroxo chaman á participación na manifestado pola sanidade do domingo

A deputada do Parlamento Galego, Montse Valcárcel, acompañada polo tenente alcalde de Lugo, Ruben Arroxo fixeron un chamamento á cidadanía para que participe masivamente na manifestación que, baixo o lema Mobilízate para defender o teu dereito a saúde, convoca a plataforma SOS Sanidade Pública este domingo 1 de febreiro en Santiago en defensa do sistema sanitario público galego.
Valcárcel animou á participación na mobilización “para defender que se cubran as baixas de persoal”, que se dote de “máis recursos” a atención primaria e que se trate “coa dignidade que necesitan as e os profesionais” do sistema sanitario. En definitiva, que “dunha vez por todas se poña fin á política de demolición que está levando adiante o Partido Popular” da sanidade pública do País.
A deputada exemplificou o que esta pasando en todo o País falando de Vilalba con esperas neste momento de ata vinte días para poder ser atendida no seu centro de saúde. Unha situación que “non é nin aceptable nin admisible nin sostíbel”, denunciou, e que o Sergas “vai parcheando un día si e outro non” sen achegar solucións, “intentando tapar unha perna con outra entre quilos, iso si, de propaganda”.
Ademais, alegou que as seis prazas de médico que non están cubertas no centro de saúde van “parcheándoas”. “Hai un médico que vai tres días a Vilalba e dous a Abadín e logo teñen unha médica que só ve urxencias dos cupos que non teñen médico”, asegurou.
Indicou tamén que exemplos coma este pasan por toda a comarca: Meira, Pastoriza, Castro de Rei, Ribeira de Piquín, Cervantes, Becerreá ou Sarria.
“Moita xente non espera porque non pode esperar, e acaba acudindo ao PAC para consultas que deberían ser atendidas nunha consulta ordinaria ou que van directamente ás urxencias do HULA”, unhas urxencias que están colapsadas e obriga ao seu persoal a demandar mais persoal(celadores, auxiliares..) e máis medios (cadeiras de rodas padiolas, sabas....) tal como denunciaron esta semana na prensa.
A sanidade pública galega está nunha situación límite pola falta de medios tanto na Atención primaria como nos hospitais; “é unha situación que afecta a todo o País e que sufrimos todas as galegas e todos os galegos” suliñou Montse Valcárcel.
Rubén Arroxo anima a saír á rúa “para reclamar medios e profesionais ante a un Goberno do PP que está recortando na pública en beneficio da privada”.
“Cremos que é fundamental que se mellore tamén o funcionamento e os recursos que hai no noso sistema hospitalario e que se actúe para atallar un dos principais problemas que temos, que son as listas de espera”, concluíu Arroxo.