Montserrat Mulet, alcaldesa de Paradela: “Séntome querida desde o día que cheguei, espero estar á altura”
Por Jessica Fernández.
Falamos con Montserrat Mulet, alcaldesa de Paradela desde o 19 de xaneiro, cando tomou o bastón de mando substituíndo a Xosé Manuel Mato Díaz como alcalde, labor que exerceu durante máis de 40 anos á cabeza do Partido Popular do municipio.
Leva toda a vida dedicada á política municipal, cando empezou e por que?
Eu chego ao municipio no ano 1989 e naquela época residía todos os días practicamente en Paradela e ao vivir no Concello involucráronme na política. Metéronme no ano 1991 e estiven ata o ano 1999, dúas lexislaturas. Deixei unha sen ir, do 1999 ao 2003 porque me matriculei en Farmacia e era moito traballo e non podía dedicar tanto tempo ao municipio. Unha vez finalizada a carreira, no 2003 volvín á política e ata hoxe. Fixen moitas cousas no municipio ademais da política: fun secretaria do equipo de fútbol, axudei a redactar os primeiros estatutos, organicei na as festas municipais de Paradela e ben, sempre traballei polo Concello e para o Concello.
Como foi o traballo como tenente de alcalde?
Eu levo sempre a parte dedicada aos servizos sociais, a Área de Sanidade e Servizos Sociais e arroupar ao que era antes o alcalde de Paradela en todo o que me requiría, salvo causas de forza maior, nunca faltei ao que me pediu, eu sentíame obrigada moralmente e co deber de cumprir cos veciños.
Fixemos moitísimas cousas. A modernización do municipio, eu cando cheguei o que máis se necesitaban eran estradas e a electrificación das parroquias do rural, que estaban en malas condicións e agora están moito mellor e hai mantemento das vías. Os accesos ás parcelas agrícolas son bos, hai que mantelos que é o problema porque os recursos son os que hai.
Como asume o novo cargo de alcaldesa, esperábao, ilusiónalle?
A min ilusióname e tamén agradezo a confianza que depositaron os veciños en min durante tantos anos, por iso me ilusiona. Espero estar a altura e levar o cargo dentro da miña responsabilidade que sempre collo con todo o que empezo e espero seguir co mesmo traballo e empeño que o equipo de Goberno anterior.
Cales son as primeiras medidas que vai tomar tras coller o mando?
Traballar desde o minuto 1 e decidir que obras se van facer a través do Plan da Deputación para seguir mellorando Paradela. Con estes cartos que nos dá a Deputación para o Concello nós temos que asumir que obras debemos facer porque son máis primordiais para o noso concello. É unha dun montón de ordes que saen todos os días con respecto a plans de cooperación entre administracións que hai que levar a cabo.
Continuará cos proxectos herdados de José Manuel Mato Díaz?
Seguimos a mesma liña: a protección das familias, da nosa principal riqueza que é a gandaría, o forestal... temos en marcha un proxecto de recuperación dos soutos. E seguir traballando nas enerxías limpas, xa que para nós os eólicos foi un antes e un despois no Concello, e todo o ligado ao turismo e Camiño de Santiago, protexendo tamén o medio ambiente, recuperando cousas que parece que non hai e están aí.
Cre que a oposición será colaboradora?
Esperemos que sexa colaboradora polo ben do Concello de Paradela, xa que os enfrontamentos nunca levan a un bo porto. Estar enfrontados e poñer aos veciños uns contra aos outros non é bo para o Concello. O mellor é a colaboración para o bo desenvolvemento de todo o que necesita o municipio, non poñernos na tesitura de que non hai solucións, hai que falar. Os veciños non só poden dirixirse á oposición para demandar melloras ou facer críticas, tamén poden dirixirse a nós, que nós falamos coa veciñanza a diario. Eu exerzo a miña profesión, que aínda que intento separar os temas políticos dos sociais, sempre se fala, non hai ningún problema en escoitar aos veciños. A oposición escoita, pero tamén se escoitan desde o Concello e desde aquí resólvense problemas ordinarios de todos os días. Tamén é interesante que a oposición traia temas e aporten algo.
Como serve á política local a súa experiencia como médico?
Eu teño coñecemento dos veciños desde hai 35 anos e durante estes anos tiven tempo de coñecelos, polo que é unha cousa que xoga ao meu favor, aínda que tamén é un problema porque todo ben non o podes facer e se todo o mundo di que o fas todo ben, algo falla. Terei as miñas críticas, como todo o mundo, e non queda outra que asumilas. Hai que falar e tratar de saber cal é o seu punto de vista, e eles tamén me coñecen.
A reacción dos seus veciños ao saber a noticia foi boa, séntese querida?
Eu séntome querida desde o día que cheguei. Sempre se portaron ben comigo, cunha tremenda dozura e delicadeza. Sempre me ampararon, aínda que tamén ao ser muller-que temos un don para escoitar aos demais-, tamén os veciños sentíronse escoitados. Somos máis empáticas e levamos a vida da casa e vemos os problemas, aos homes ás veces cústalles ver os problemas ou compatibilizar, pero nós estamos acostumadas e sabemos a dificultade que supón levar a casa, o traballo... Pero as mulleres somos moi testanas e traballamos arreo.
Cales son os obxectivos para Paradela?
As necesidades para Paradela é seguir promovendo iniciativas para atraer tecido industrial. Temos un viveiro de empresas e temos naves no parque empresarial, pero queremos crear máis en parcelas do polígono para traer máis industria, aínda que é complicado. Se tes iniciativas privadas de manter os albergues que hai no Camiño tamén atrae turismo e nós desde o Concello queremos adquirir e desenvolver un hotel de degustación para produtos da zona que é unha idea que está en valoración que estamos valorando o proxecto e a ver como son os destinos da Xunta e que nos escoite.