Montserrat Mulet, presidenta do PP de Paradela: "Apostamos por un goberno que traballe día a día"

SarriaXa
A alcaldesa de Paradela vén de ser elixida como presidenta dos populares de Paradela cunha directiva integrada por “persoas da base” e "xente nova”
Congreso-PP-Paradela-2025
25 Apr 2025

Montserrat Mulet vén de ser elixida presidenta do PP de Paradela no Congreso da agrupación local celebrado para renovar a directiva da formación.

A rexedora do municipio, que presentou a única candidatura para presidir a formación local, asegurou “traballo”, ofreceu “escoita” e destacou como un dos obxectivos “integrar xente nova no noso proxecto”. É dicir, “manter as bases que xa había e incorporar máis xente para facer que o proxecto medre”.

Con 30 anos de experiencia no goberno municipal que preside dende o 2024, encabeza unha directiva integrada por “persoas da base” do PP de Paradela e “aposta pola xente nova”.

A presidenta provincial dos populares, Elena Candia, agradeceulle que “asumira a responsabilidade de ser alcaldesa e agora de encabezar a agrupación local do PP”, destacou a súa “lealdade” co proxecto e cos veciños e puxo en valor que o PP da provinciasume “unha muller máis en postos de responsabilidade”. Así mesmo, subliñou “a súa valía profesional con moita formación” como médico e farmacéutica e destacou “a súa gran vocación e dedicación a Atención Primaria”.

DIRECTIVA DA AGRUPACIÓN LOCAL DO PP

Mulet contará na directiva da agrupación local cos concelleiros Jesús Pablo López como secretario xeral, Ana Belén López como secretaria de organización e Hugo Pérez como vogal xunto a Marisol Arias, Rocío Domínguez, Manuel Sánchez, Iria Regueiro, Nuria López, Marcos Rodríguez, Susana Núñez e José Luís Pérez. José Manuel Mato foi nomeado presidente de honra.

A nova presidenta do PP local destacou “o xesto de xenerosidade” de Mato por “pasar a testemuña con esperanza”, nas súas propias palabras. Durante o seu discurso, o presidente saínte quixo ter palabras de recordo para tódalas persoas “que foron moitas” que formaron parte do proxecto do PP de Paradela durante os seus anos á fronte do partido nos que “tratamos de dinamizar o noso Concello” e destacou que “fomos un exemplo de concordia”.

Montserrat Mulet gabou as “conviccións” de Mato, que é concelleiro da corporación local e deputado autonómico, ao que considera “un referente” e indicou que pretende “seguir na mesma liña: a da fidelidade, a palabra e o sentido común”. Elena Candia tamén se sumou ao recoñecemento a José Manuel Mato, “unha persoa comprometida, xenerosa, fiel e leal”, polas 12 maiorías absolutas e 45 anos con responsabilidade de goberno. Igualmente, destacou “esta nova etapa no Parlamento de Galicia” que é de “xustiza”.

O PP local defende un goberno municipal que “manteña todo o que ten Paradela e siga traballando día a día para atender o que os veciños e veciñas demandan”.

Entre as actuais liñas de traballo, Mulet citou a aposta polo sector primario como motor económico co municipio e destacou a Paradela como “municipio estratéxico” no entorno do Camiño Francés e da Ribeira Sacra que é candidata a Patrimonio da Humanidade.

O goberno local tamén “fomenta a natalidade, apoia o coidado dos nenos e maiores”, aposta pola empregabilidade e vela pola prestación dos servizos básicos; ademais apoia as asociacións culturais e deportivas que dinamizan a vida social “de pequenos concellos coma o noso”.

⚙ Configurar cookies
0.15065884590149