‘Mudanza’ toma forma en Sarria e Paradela cunha gravación impecable e un forte respaldo local

SarriaXa
A escritora destaca a súa emoción tras ver como a obra reproducía fielmente o que quería expresar e agradece o apoio da comunidade e dos patrocinadores
Rodaxe-Mudanza-Sonia-Arias-Sarria
6 Aug 2025

Os concellos de Sarria e Paradela acolleron entre os días 1 e 3 de agosto a rodaxe da curtametraxe Mudanza, unha nova produción audiovisual baseada nun relato da escritora paradelense Sonia Arias, autora de obras como Los zapatos del lobo ou Antes pasábase por aquí.

A historia da curtametraxe parte dun texto incluído no seu libro Manchas de frío, onde se aborda o cancro e o proceso de afrontar a morte desde unha perspectiva humana e digna, cun enfoque íntimo e profundamente emocional.

A rodaxe contou coa interpretación da actriz galega Saamira Ganay e a dirección de Luisje Moyano. A música orixinal será composta polo sevillano Jesús Calderón, que será incluída na curtametraxe unha vez que se faga a súa posprodución.

A gravación desenvolveuse nas rúas de Sarria, no centro de saúde da vila e tamén en distintos espazos de Paradela. Tras finalizar a filmación, Sonia Arias manifestou a súa felicidade e satisfacción polo resultado final: “Todo saíu como eu pensaba, a obra reproducía fielmente o que quería expresar”, asegurou. A autora quixo agradecer especialmente a todos os establecementos locais que se involucraron no proxecto, así como a Iván Castro, da Deputación de Lugo, polo seu apoio institucional, ao igual que ao Concello de Sarria e de Paradela.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para todos os patrocinadores que fixeron posible a curtametraxe, tanto pequenas como grandes empresas. “Para min o máis importante é que isto saíu adiante grazas ao apoio da comunidade; estou feliz de ver como se implicou tanta xente, porque é algo moi valioso a nivel cultural”, concluíu a autora.

Esta curtametraxe será presentada a 140 certames nacionais e internacionais, co obxectivo de levar esta mensaxe desde o corazón da Ribeira Sacra a públicos diversos.

⚙ Configurar cookies
0.15330600738525