Adiado o 'Move os Marcos', que se ía celebrar este domingo en Sarria, pola previsión de chuvia

SarriaXa
Este encontro, pensado para convocar público de toda Galicia, inspírase na lembranza do promotor cultural sarriao Marcos López
move-os-marcos-sarria
16 May 2025

Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo veñen de informar de que, debido á previsión de chuvia deste domingo, 18 de maio, o Festival Move os Marcos será adiado para celebrarse o vindeiro 20 de xullo no Meigallo, mantendo a programación proposta.

Este encontro, pensado para convocar público de toda Galicia, inspírase na lembranza do promotor cultural sarriao Marcos López, falecido o verán pasado e figura imprescindible da edición e do audiovisual galego nas dúas últimas décadas.

Move os Marcos, co fin de promover un espazo cultural no que estarán presentes a música, a literatura, a gastronomía e o activismo; incluirá actividades e espazos para a creación e a reflexión, cun recital poético musical, intervencións artísticas colectivas ou unha palestra sobre dereitos das persoas LGTB e dereitos lingüísticos nun contexto de auxe dos discursos de odio, así como unha ampla axenda pensada para a cativada, con contacontos, construción de xoguetes sonoros, obradoiros creativos e espazos de lecer libre.

Ademais, acollerá os concertos de Mondra, que estreará o seu segundo álbum 'De Ronda', e o cuarteto De Vacas, así como haberá actuacións de Peleriños e Meigas e Trasgos.

O recinto do festival tamén acollerá tamén unha zona gastronómica cunha selección de produtos da comarca.

Programa do Festival

O programa do evento Move os Marcos presenta unha completa e diversa xornada de actividades culturais, musicais e artísticas pensadas para todos os públicos, coa intención de encher Sarria de creatividade, reflexión e celebración.

A xornada comezará ás 11.30 horas coa tradicional alborada a cargo da Asociación Cultural Peleriños de Sarria, que percorrerá o Bulevar, o Malecón e o Parque do Chanto, anunciando coa súa música o inicio da festa. Ás 12.00 horas terá lugar o pregón inaugural, seguido, ás 12.30 horas, do recital escénico “Canto en Parada”, unha proposta multidisciplinar con poesía de Luis Alonso e percusión de Rafa Mallo. Uns minutos despois, ás 12.45 horas, celebrarase a “Parolada diversa: Move os teus marcos”, unha mesa de diálogo con destacadas voces do ámbito cultural, educativo e activista como Carlos Callón, Daniela Fernández, Braulio Vilariño, Ana Ojea e Chené Gómez, moderados pola xornalista Eva Mejuto.

A continuación, ás 14.30 horas, celebrarase unha sesión vermú acompañada dun xantar festivo coa música de A Duendeneta Dilleis. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, está prevista unha visita guiada á exposición “Galegoza. A canción en galego”, seguida da actuación das pandereteiras da AC Peleriños de Sarria ás 16.30 horas. A música continuará ás 17.00 horas coa actuación do grupo De Vacas e ás 18.00 horas con Mondra. Ás 19.00 horas, ambos artistas protagonizarán unha colaboración especial e inédita que servirá como peche musical da xornada principal do festival.

Tamén haberá unha ampla oferta de actividades para os máis pequenos. Ás 12.30 horas comezará a sesión de contos “O conto do Traxugas” con César No, e simultaneamente desenvolverase un obradoiro de xogos sonoros, onde os nenos e nenas poderán crear asubíos de abelá, carrizos de noz e ruxerruxes da man de Xaneco Tubío. Ás 13.00 horas terá lugar un obradoiro para facer pulseiras coloridas. Pola tarde, entre as 16.30 e as 18.30 horas, repetirase o taller de xogos sonoros, mentres que tamén ás 16.30 horas se desenvolverá o obradoiro “Retrato en Collage Palestina”, unha actividade creativa en parellas para explorar a técnica do collage. Finalmente, ás 18.00 horas, celebrarase o obradoiro “Abano de cores”.

O evento contará tamén con outras propostas paralelas como a exposición fotográfica “As outras voces”, sobre o traballo da ONGD Creart na franxa de Gaza, e a intervención artística colectiva “Artivista: Enlázate a Gaza”, centrada na situación do pobo palestino. Ademais, durante o festival desenvolverase “Tecer sobre o valado: Galiza”, unha acción artística colectiva con elementos naturais e coloridos, e estará dispoñible o “Andel de cores”, un espazo de venda de libros a cargo da libraría Galicia 1932. O público tamén poderá gozar da “Zona Gastro”, un espazo onde se ofrecerán produtos alimentarios seleccionados da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.14939117431641