Nace a Asociación Apoyo Rural para axudar a persoas en risco de vulnerabilidade en Galicia

Un grupo de veciños e veciñas da parroquia sarriá de San Estevo de Lousadela vén de crear a Asociación Apoyo Rural, unha ONG galega que ten como obxectivo brindar apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade no rural.
A entidade centra o seu labor en proporcionar axuda básica a quen non pode cubrir as súas necesidades esenciais, ofrecendo asistencia con alimentos, apoio en novas tecnoloxías, acompañamento a persoas que sofren soidade e axuda con reparacións, mantemento e limpeza de vivendas, vehículos e maquinaria para aqueles que carecen de recursos.
Jorge Pardo, presidente da asociación, explica que a sede está en Lousadela “porque é onde estamos nós, pero a nosa finalidade é actuar no ámbito galego, polo que xa temos un punto establecido preto de Lalín e outro na Laracha para poder chegar aos diferentes pobos das provincias galegas”, sostén.
Para cumprir os seus obxectivos, a Asociación Apoyo Rural está a desenvolver diversas iniciativas, como programas de apoio a persoas vulnerables en contornos rurais, creación de hortas ecolóxicas para garantir o acceso a alimentos frescos e fomentar a autosuficiencia, compra, cría e venda de gando e produtos agrícolas para xerar emprego e recursos destinados á axuda social, e actividades de restauración e venda de artigos de segunda man para recadar fondos.
Por iso, Pardo comenta que xa están na produción de carne de porco así como no cultivo de patacas “para poder ofrecerlle a aquelas persoas que necesiten alimentos; así como estaremos aí para facerlles un desbrozamento, para levarlles leña ou para achegalos á cidade a facer calquera trámite”, destaca.
Ademais, tamén promoven a recollida e venda de chatarra como parte da súa estratexia de sustentabilidade, así como cursos de formación en novas tecnoloxías e no ámbito rural para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión.
Desde a Asociación Apoyo Rural consideran que a visibilización do seu labor é clave para chegar a máis persoas que necesiten apoio e para concienciar sobre a importancia de fortalecer o tecido social no rural galego. E indican que, se hai algunha persoa que necesita axuda, pode contactar con eles a través do número de teléfono 622 534 934.