Nace Arundo Donax Ensemble, a nova formación musical inspirada na tradición da Harmoniemusik

Nace Arundo Donax Ensemble, unha formación musical innovadora impulsado polos clarinetistas Adrián Balboa, Manuel Montero e Carlos Timiraos baixo a dirección artística do mestre David Fiuza Souto.
Inspirado na tradición da Harmoniemusik, un formato de cámara para instrumentos de vento madeira que fascinou a compositores como Mozart ou Beethoven no século XVIII, o ensemble ofrece unha lectura contemporánea deste xénero, adaptándoo á sensibilidade do público actual.
O grupo está composto por intérpretes profesionais da provincia, entre eles cinco membros da Banda de Música da Comarca de Sarria e tres profesores da Escola Municipal de Música de Sarria: Tania Balboa, profesora de Música e Movemento e Linguaxe Musical; Estrela Fernández, profesora de frauta; e Manuel Montero, profesor de clarinete e saxofón, mestre dos Clarisaxos e membro das dúas bandas de Sarria. Ademais, Kevin Abuín, exalumno de clarinete da mesma escola, forma parte tanto da Banda como dos Clarisaxos.
A súa presentación oficial tivo lugar este fin de semana, cunha estrema acollida do público no XI Outono Musical de Chantada o sábado, e un broche de ouro o domingo no Certame Galego de Bandas de Música, como grupo convidado. O público destacou a riqueza tímbrica, a variedade de cores e a diversidade do seu discurso musical, que transita con naturalidade entre séculos e estilos, desde a tradición barroca ata a creación contemporánea.
Arundo Donax Ensemble, que centrará os seus ensaios na cidade de Lugo, nace con vocación de difusión cultural, buscando dar visibilidade ao talento dos músicos galegos e consolidarse como unha nova voz e un novo linguaxe no panorama musical da comunidade.