Nace en Sarria o Festival Porta do Son, promovido por mozos apaixoados pola música e a cultura

SarriaXa
O obxectivo é "consolidar Sarria como un referente cultural e musical dentro do panorama galego, ofrecendo unha proposta de lecer de calidade que dinamice a vila"
Festival-Porta-do-Son-Sarria
25 Apr 2025

Sarria contará este verán cunha nova proposta musical e cultural: o Festival Porta do Son, promovido por un grupo de mozos galegos "unidos pola nosa paixón pola música e a cultura e co desexo de aportar algo novo e ilusionante á vila de Sarria", explican os organizadores.

O festival celebrarase o 12 de xullo de 2025 en Sarria e contará cunha programación continua de máis de 8 horas de música en directo, cun cartel composto por DJs e artistas de primeiro nivel e de estilo musical urbano, co fin de dirixirse a todos os publicos e creando un ambiente interxeracional. "Será como O Son do Camiño pero a baixa escala e en Sarria", defenden.

O evento será de acceso controlado, cunha entrada mínima que contribuirá a cubrir os gastos de organización e garantir unha experiencia de calidade, segura e profesional. Así, está dirixido a un público de entre 18 e 40 anos, maioritariamente de Galicia, "pero tamén a persoas doutras comunidades que buscan unha experiencia musical e cultural auténtica", explican.

Ademais, o evento atraerá tanto a residentes como a visitantes, favorecendo as pernoctas e o consumo local, especialmente en sectores como a hostalaría e o comercio, polo que se disporá dunha zona gastronómica con foodtrucks, que ofrecerá diferentes opcións para todos os asistentes.

Con todas estas vantaxes para a vida de Sarria, a iniciativa conta co apoio institucional do Concello de Sarria e de Turismo de Galicia, pertencente á Xunta. "Estas colaboracións permiten reforzar o impacto cultural e turístico do evento, asegurando a súa viabilidade e proxección no tempo como unha cita de referencia no calendario galego", destaca Pablo Parga, un dos organizadores.

COMO XORDE A INICIATIVA

O Festival Porta do Son xorde trala experiencia deste grupo de amigos na organización de eventos, "pero sobre todo cun forte compromiso coa nosa terra, queremos crear un festival feito desde a proximidade, e co apoio de artistas e xente da zona. Apostamos por unha proposta auténtica, con vocación de continuidade, e estamos abertos a colaborar con empresas e entidades que compartan esta visión e queiran sumarse a esta aventura cultural e social", subliñan.

Ademais, engaden que o obxectivo é "consolidar Sarria como un referente cultural e musical dentro do panorama galego, ofrecendo unha proposta de lecer de calidade que dinamice a vila e proxectando unha imaxe moderna e apostando pola integración da música, a cultura e a participación local. Ademais, busca ter un impacto positivo na economía e no tecido social, promovendo a conexión entre cultura e desenvolvemento territorial".

Con todo, e como o seu nome indica, o evento tamén busca poñer en valor o Camiño de Santiago e Sarria dentro deste ao ser unha das localidades máis emblemáticas desta ruta. "Poñer en valor o Camiño significa destacar non só o seu legado cultural e espiritual, senón tamén a súa capacidade de atraer visitantes e dinamizar o territorio. O festival busca conectar coa esencia do Camiño, ofrecendo unha experiencia contemporánea que une tradición e modernidade, e reforzando a identidade de Sarria como punto clave deste itinerario universal", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.14405989646912