Nace 'Mellora Sarria', unha plataforma cidadá para recuperar a voz veciñal na vida municipal

SarriaXa
A nova iniciativa pretende crear un espazo permanente de proposta, debate e decisión directa sobre os asuntos do concello
rúa-Sarria
19 Nov 2025

En Sarria acaba de nacer Mellora Sarria, unha plataforma de participación cidadá en liña que xorde da constatación dunha realidade que o propio grupo impulsor resume con claridade: “Hoxe, os veciños de Sarria carecemos de canles efectivas para facernos oír máis alá do voto cada catro anos. A participación debería ser continua, non un acto puntual”. Con esta intención, a iniciativa busca cubrir ese baleiro e ofrecer un espazo estable no que calquera persoa poida propoñer, debater e influír de maneira directa na vida municipal.

Os veciños e veciñas que impulsan o proxecto comparten “a ilusión por poñer o noso gran de area para mellorar a vila dende a base”, e aseguran que o obxectivo principal pasa por recuperar a capacidade de incidencia cidadá na xestión do concello. A súa proposta non pretende substituír o actual modelo representativo, senón complementalo cun mecanismo de democracia directa que evite que a vontade social quede desactivada entre eleccións. “Queremos que Sarria se goberne tamén dende abaixo cara a  arriba”, explican.

A plataforma funcionará como un espazo web no que calquera usuario rexistrado poderá participar a través de tres vías principais. A primeira será a de propoñer, permitindo presentar ideas para mellorar calquera ámbito do municipio, desde a mobilidade ou a limpeza ata a cultura. A segunda consistirá en debater, de modo que se poidan comentar, matizar ou cuestionar as ideas doutras persoas sempre desde o respecto. A terceira vía será decidir, pois aquelas propostas que acumulen apoio suficiente poderán someterse a votación para impulsar que as iniciativas máis respaldadas poidan converterse en actuacións reais.

Os impulsores recoñecen que pode existir unha certa desconfianza inicial. “Despois de anos sen canles de participación efectivas, é lóxico”, admiten. Porén, confían en que a cidadanía valore a oportunidade de contar finalmente cun instrumento para expresar a súa voz. “A plataforma está baleira, e só se encherá coas ideas e a enerxía da xente. Confiamos no sentido común e no coidado que todos sentimos polo noso fogar”.

Desde o colectivo destacan que a participación cidadá “non pode limitarse a introducir unha papeleta cada catro anos”. Consideran que a sabedoría colectiva dos sarriaos é o "maior recurso desaproveitado" do municipio e cualifican Mellora Sarria como “un intento humilde pero ambicioso de poñer ese coñecemento e ese coidado ao servizo de todos, transformando a queixa en proposta e a pasividade en acción”.

⚙ Configurar cookies
0.06591010093689