Nace 'O Rural Imaxinado', que chegará con obradoiros aos colexios de Quiroga, das Nogais e de Samos
Nace 'O Rural Imaxinado', unha proposta promovida pola cooperativa Outonía S. Coop e financiada pola Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. Un proceso de diagnose participada coas infancias de territorios rurais para tratar de abordar dende un enfoque de dereitos, o dereito ao rural.
A proposta pretende ter carácter continuo e consolidarse como un proceso de investigación-acción participada que implique a diferentes territorios da provincia de Lugo, así como aos seus diferentes axentes, tendo como máxima a necesidade de (re)interpretar as narrativas en torno á ruralidade.
Nesta primeira fase, o achegamento faise a tres centros educativos da provincia de Lugo, o Ceip de Quiroga, o Ceip As Nogais e Ceip Samos, onde a través dun total de tres obradoiros, nos que se aplican diferentes metodoloxías e técnicas de investigación social cualitativa, trabállanse co alumnado de segundo ciclo de primaria, aspectos como o sentimento de identidade e pertenza ao territorio, os estereotipos que atravesan o imaxinario rural e as posibilidades de xerar narrativas propias de futuro.
Ademais, a proposta irá vinculada á creación dun material didáctico en formato fanzine que será publicado en aberto para poder achegar a metodoloxía a outros espazos, servindo como altofalante da voz das crianzas.
O Rural Imaxinado xorde dunha proposta piloto, desenvolta no marco do proxecto “Aldearmos: programa de dinamización comunitaria rural a través de propostas interdisciplinares”, unha iniciativa que Outonía S.Coop desenvolveu en colaboración coa Rede Aldear e que inicialmente tivo como escenario seis centros educativos de concellos do interior de Lugo e Ourense, Folgoso do Courel, O Incio, Viloira, O Bolo, Ancares e A Rúa.
Dende esta entidade mantense a necesidade de concibir o territorio como núcleo da identidade individual e comunitaria e polo tanto como un eixo educativo dende o que se poden traballar aspectos tan centrais para o desenvolvemento das persoas como a autoestima, o sentido da pertenza, o apego etc.
Así mesmo, mantense que esta iniciativa contribúe na necesaria aspiración de loitar contra o desmantelamento dos territorios rurais, constituíndose como un proceso que incide directamente na sensibilización, fomento do pensamento crítico e a necesaria toma de conciencia ante a necesidade de (re)pensar os rurais dende un enfoque de dereitos, plenitude e posibilidades.