Nace Vive Samos, unha nova asociación que busca revitalizar o turismo

A vila de Samos conta cun novo colectivo dedicado a promover o turismo e a dinamización local. Trátase de Vive Samos, unha asociación recentemente creada por persoas comprometidas co municipio, procedentes de distintos puntos de España pero afincadas na localidade, que decidiron unir esforzos para contribuír á recuperación e promoción do territorio tras os incendios rexistrados este verán.
Segundo explican desde a entidade, os lumes provocaron numerosas cancelacións de reservas e unha notable diminución de visitantes, o que repercutiu directamente na actividade turística e hostelera da zona. Neste contexto, Viva Samos nace co propósito de impulsar actividades e iniciativas orientadas á promoción da paisaxe, os recursos naturais e o sector turístico e hoteleiro, considerados fundamentais para o sostemento económico e social do municipio.
Entre as súas liñas de acción, a asociación pretende tamén poñer en valor o Camiño de Santiago, especialmente o Camiño Francés, que atravesa Samos cara a Sarria, consolidando así o papel do concello como un dos enclaves máis emblemáticos da ruta xacobea.
A presidenta da asociación, Nuria Román, salientou que a acollida por parte da veciñanza foi “excelente”, e agradeceu o apoio institucional recibido desde o Concello. En particular, destacou a colaboración da alcaldesa, Chus López, que “xa contribuíu activamente a que a iniciativa poida consolidarse e comezar a traballar en novos proxectos”.
Con esta iniciativa, Samos aspira a recuperar o pulso turístico perdido tras os incendios e a fortalecer a súa imaxe como destino de natureza, cultura e hospitalidade no corazón do Camiño de Santiago.