Nacho, da Asociación Que Facemos: “Queremos ofrecer cousas alternativas á veciñanza de Sarria”

Jessica Fernández
Como xorde esta asociación?
Esta asociación naceu en 2015 como una entidade centrada na música electrónica de Sarria, organizando eventos e como resposta á comercialización que había da música no panorama nocturno, queriamos ofrecer algo alternativo sen rexistros económicos.
Nunca tivemos intención de gañar diñeiro, era todo aberto ao público e intentabamos explorar diferentes estilos musicais e vangardistas. Apostabamos pola música electrónica, pero tamén organizabamos lecturas de poesía, sorteamos libros...
Que tipo actividades facían?
Sobre todo, organizabamos eventos nocturnos e algunha cousa de día, por exemplo para recadar fondos, pero sempre intentamos facer cousas xirando arredor da música, con DJ e actuacións en directo. Fixemos este tipo de eventos por todo Sarria: no antigo Bosque, no antigo Planeta, no Zone, no Meigallo, no Casino, fixemos en Ourense tamén en varios sitios... En 2016, ademais, organizamos un festival chamado ‘Que Facemos Fest’, e colaboramos no Esmorga Fest e estes anos co Ribela Love and Nature.
Por que sempre coa música?
Era que o que viamos como carencia en Sarria. Non había ningunha proposta de música electrónica. Eu chegara de estudar en Bilbao e non sabía que facer. Se non faciamos algo nós coa música, estabamos fastidiados. Queriamos ofrecer a nós mesmos unha alternativa que nos gustase a nós e aos demais.
Como é a Asociación na actualidade?
A nosa actividade parou no 2020 por mor da covid e volvemos agora pero dunha forma renovada, xa que non imos facer eventos de música electrónica. Agora xurdiu isto da arte dixital e comezamos a facer algo, xa que non hai alternativas deste tipo pola zona, só en Madrid. É máis que nada para que a xente vexa un pouco este tipo de arte, xa que hai moitos artistas que están moi interesados e ven novas formas de concibir a arte e poder vivir dela. Isto pode proporcionar plataformas e visibilidade con alcance para vender as súas obras. Eu, de tanto estar en contacto con artistas, vin que hai un auxe de arte dixital con exhibicións, polo que propuxen a idea de ofrecer este tipo de arte. A primeira exposición que fixemos no Vello Cárcere o ano pasado foi unha toma de contacto, pero a idea é mesturar a música coa arte dixital e intentar darlle á forma audiovisual e musical un significado máis artístico. Toda a expresión artística ben utilizada con coherencia sempre pode axudar á experiencia do asistente.
Cales son os obxectivos desta nova vertente?
Facémolo por probar. Todo o que facemos coa asociación non ten un fin a longo prazo, facémolo porque nos gusta e queremos probar algo distinto e a ver que sae e que pasa. O que está claro é que antes faciamos propostas arriscadas con público reducido e agora non temos moitas aspiracións, polo que queremos ir vendo, aínda que temos a esperanza de que saia ben. A intención sería expoñer unha colección cada 3 meses e buscar artistas, pero non é moi fácil. Na exposición do Vello Cárcere aliñouse todo perfecto para que xurdira este proxecto. Os artistas teñen que facer obras pensando exclusivamente nese tema, como as do Vello Cárcere, pensando en todo e require moitas horas de organización, moito traballo, ter ideas de colección e logo é atopar un sitio que vaia ben.
Por que son importantes estas iniciativas en Sarria?
Nós a verdade é que somos xente que sempre lle tivo cariño á vila e queremos ofrecer cousas alternativas á xente, mostrar un tipo de arte ou un mundo doutra maneira, que igual se non llo ofreceras, non o coñecía. A nós influíunos o que había no Planeta e hai moita xente que está facendo cousas e que nos toma como exemplo, todo realiméntase. Ti vas por Sarria e falas da música e hai moita efervescencia, e seguir ofrecendo alternativas para nós e para xente parécenos importante. É vital ofrecer alternativas culturais en sitios pequenos e estas requiren de continuidade e que o público mostre un mínimo de apoio. Tivemos épocas que faciamos cousas cada 15 días, pero necesitamos que a xente veña. Ademais, non temos ningún apoio institucional, polo que temos o diñeiro reducido. Estamos pensando que en buscar algún apoio institucional porque poderían axudarnos moito e é algo que está aí como posibilidade.