Naila González, escritora de Sarria: “Para min, a poesía é unha liberación”
Por Jessica Fernández
Naila González presentou na Casa da Cultura de Sarria o seu primeiro poemario baixo o nome (De)catarse, despois de gañar o Premio Francisco Añón de poesía en 2022, que outorgaba un recoñecemento de diñeiro en metálico e a publicación da creación poética, que se produciu en maio deste ano 2024.
A escritora, que estuda Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, sostén que a súa paixón pola escritura vén dende ben pequena: “A verdade é que sempre me encantou que me lesen contos e ler, e cando aprendín a escribir, empecei escribindo contos. Tardei un pouco en interesarme pola poesía, pero cara aos 16ou 17 anos empecei a ler poesía contemporánea e comecei a escribir poesía. Así, presentábame a certames no Instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria ou noutros”, explica.
Porén, nunca escribira un poemario, é dicir, un conxunto de poemas en conxunto. Naila di que foi un proceso “natural”, no que foi escribindo “sobre o que se me ía ocorrendo. Eran poemas sobre os meus recordos de cando era pequena, dos meus sentimentos máis profundos e momentos vividos en familia que derivaron no título (De)catarse, que é un xogo de palabras no que expoño que eu sinto a poesía como unha catarse, unha liberación; mentres que tamén creo que ‘decatarse’ é como hai que vivir, sendo moi conscientes do que sucede ao noso redor e tamén dentro de nós mesmos”, afonda a escritora.
Así, explica que este poemario é un conxunto de poemas intimistas sen unha liña argumental, co que decidiu presentarse ao Premio Francisco Añón de poesía e conseguiu gañar, aínda que ela non contaba con tal acontecemento: “De verdade que eu non contaba con gañar, porque ás veces presentas as cousas e logo esquéceste de que o presentaches. Cando me chamaron, non mo cría. O mellor de todo foi que se cumpriu o meu soño, que era publicar un poemario. Era algo que sempre quixen e facíame moita ilusión. Estiven como unha pequena cando me mandaban da editorial as maquetas, foi un proceso duns meses que vivín con moita ilusión”, expresa.
Por outra banda, di que Sarria é unha fonte de inspiración porque “é onde vivín desde sempre, onde se desenvolveu a miña vida, onde teño as miñas amizades”. Ademais, destaca, “é unha vila da que non te consegues desprender nunca, xa que hai un sentimento moi forte de pertenza e de comunidade, e é moi importante sentir que pertences a un lugar”.
Tamén destaca que este ano gañou outro certame coa súa obra ‘La anarquía de los párpados’, concretamente, o Premio de Poesía Acouga Casa dos Poetas de Celanova e está a espera da publicación. E, con respecto aos proxectos futuros, Naila sostén que seguirá escribindo, compatibilizando os poemas coa súa profesión no mundo da tradución literaria, que é a onde se quere orientar. Para ela, transmitir sentimentos “son as cousas que nos fan humanos”.