Natalia, do Mirallos de Paradela: “Os peregrinos que pasan polo Camiño Francés veñen comer e séntense acollidos”
Falamos con Natalia, xerente do Restaurante Mirallos de Paradela.
Cando e por que xorde o Restaurante Mirallos?
No ano 1997 os meus pais montaron o Restaurante Mirallos porque había moita afluencia de peregrinos e non había establecementos. Así que decidiron comezar a traballar como un restaurante para os peregrinos e só daba comidas.
Onde está localizado?
Estamos no km 100 do Camiño Francés, entre Sarria e Portomarín. É un sitio rural de campo, hai praderías, un pequeno regato... É o típico sitio rural galego con hortas, as vacas dos veciños...
É un sitio idílico para os peregrinos e tamén para a xente local, sobre todo temos moita xente que repite todos os anos porque lle gusta moito o cocido da casa. Despois, contamos con carnes da zona que á xente que vén de fóra de Galicia gústalle moito.
Que tipo de produtos ofrecen?
O que máis traballamos é carne de vaca, de tenreira, concretamente a Tenreira Galega Suprema, e logo de cocho temos segredo, croca, chourizos da casa... A carne é natural e sempre de aquí, de Galicia, non procesada.
Tamén temos pescado e de entrantes champiñóns recheos, ensaladas de queixo con cebola caramelizada, zamburiñas, pementos, leituga, fabas de Lourenzá, é dicir, produtos típicos galegos e da zona.
Era necesario un lugar como este en Paradela?
Cando empezamos no Camiño Francés era necesario porque se montaron os albergues e non había un lugar onde comer. Actualmente tamén, xa que pechou A Veiga de Paradela, polo que só estamos nós e O Loio, e desde novembro e ata marzo somos os únicos abertos desde Sarria ata Portomarín polo Camiño Francés, así que os peregrinos veñen aquí para poder comer algo.
Cales son os máis exitosos?
O que máis gusta é o champiñón recheo, zamburiñas con queixo, entrecot de tenreira, queixo azul e chocolate branco, segredo de cocho, todos son receitas nosas. E logo temos de sobremesa tarta de queixo, flan de café, tarta da avoa, coulant caseiro, freixós con marmelada, mel... Todo o que facemos é con produtos da zona, de casa, de veciños e sobre todo, todo local.
Hai menú e carta? E facedes pedidos por encargo e reservas?
Temos menú do día de peregrino e despois temos menú de carta e carta xa solta. Facemos pedidos por encargo e reservas de máximo 70 persoas.
Con que instalacións contan?
Temos dous comedores, nun caben 70 persoas e no outro collen 35 persoas. Ademais, temos unha terraza de toda a vida, non é cuberta, na parte de atrás na que caben 30 persoas.
Organizan eventos?
Organizamos moitos eventos, como aniversarios, comidas de empresa, bautizos familiares, facemos comidas de grupos, comidas de caza, grupos de peregrinos e comuñóns se non son moi grandes.
Como é o traballo?
Pechamos todos os martes do ano e abrimos todo o ano. En canto ao horario, abrimos á mañá dependendo da demanda, en verán máis cedo, segundo a demanda. Por outra parte, agora só damos ceas os venres e sábados, pero en verán todos os días.
Con respecto aos traballadores, normalmente somos tres ou catro persoas que traballamos como familia cun bo ambiente e trato familiar.
Como é o trato cos clientes?
O cliente de diario é un cliente que xa ten confianza, que xa nos coñece e se hai que dicir algo dicímolo. Co peregrino depende, hai algúns estranxeiros que buscan tranquilidade e que o acollan ben, outros como os coreanos son máis fríos e sistemáticos. Co peregrino en xeral propiciamos un ambiente de acollida e para a xente de aquí de todos os días é un trato como na casa.
En temporada baixa igual damos 22 menús ao mediodía e, en comparación, un día de setembro podemos dar 80 comidas e neses momentos petamos moito, porque somos poucos. Incluso en verán podemos dar case 100 comidas diarias.