Néstor Rego mantivo un encontro coa veciñanza de Sarria

SarriaXa
Néstor Rego mantuvo un encuentro con los vecinos de Sarria. El acto tuvo lugar en la Casa de la Cultura de Sarria.
nestor rego bng sarria
12 Feb 2022

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun encontro coa veciñanza de Sarria para falar sobre a posición da súa formación no recente debate da Reforma Laboral e a necesidade de constituír un grupo parlamentar galego para defender con máis forza os intereses das galegas e galegos. Acompañado polo secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, incide na “oportunidade perdida” para recuperar dereitos cunha nova normativa que non mantivese 90% dos aspectos máis lesivos, entre eles, a flexibilidade para o despedimento que reclamaba a patronal e a Unión Europea.

O acto celebrado na Casa da Cultura de Sarria serviu para explicar a posición da organización nacionalista na convalidación do Real Decreto-lei da Reforma Laboral celebrada a semana pasada. Pola súa banda, o deputado nacionalista cualificou de “fraude” a votación porque o Goberno incumpriu as promesas e acordos aos que chegou con diferentes partidos políticos, incluído o Acordo de Investidura asinado co BNG.

De facto, segundo explica o deputado nacionalista, o executivo estatal conformado por PSOE e Podemos “terá que explicar por que existindo unha maioría parlamentaria suficiente para derrogar a Reforma Laboral do Partido Popular, deciden ceder aos ditados da Unión Europea e contentar os intereses dos empresarios en vez de cumprir coa clase traballadora”.

“O BNG sempre foi firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega. Votamos en contra para forzar a este Goberno a negociar unha proposta que realmente permitise avanzar en dereitos” subliña Néstor Rego. Así mesmo, tras a convalidación do RD, o deputado nacionalista anuncia o rexistro dunha Proposición de Lei co obxectivo de recuperar dereitos para a clase traballadora. Para iso, comprométese “a recadar o apoio de todas as forzas de esquerdas do arco parlamentario que votaron en contra por considerala insuficiente fronte as promesas do executivo”.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, lembrou que a central sindical leva anos exixindo a derrogación das Reformas Laborais de PSOE, aprobada en 2010, e de PP, de 2012, co obxectivo de recuperar os dereitos que lle foron roubados á clase traballadora. “Mantense 90% dos aspectos máis lesivos da Reforma do PP e mesmo consolida a flexibilidade para o despedimento. Está claro que a esquerda española, unha vez máis, está a favor do capital” recrimina.

“Seguiremos traballando desde o sindicalismo nacionalista e de clase. Nas rúas, nos centros de traballo e mesmo a través da negociación dos convenios colectivos” comprométese Niño tras declarar a decepción da CIG por “non ter aproveitado a oportunidade e o contexto que existía para derrogar a Reforma Laboral e avanzar na recuperación de dereitos para a clase traballadora.

Así mesmo, o deputado nacionalista reiterou a idea da necesidade de confiar nunha forza nitidamente galega como o BNG que garante coa súa presenza a defensa dos intereses da Galicia. “Que ten que pasar para que este Goberno, que se di progresista, comece a tratar cun mínimo de xustiza a Galiza?” pregunta o deputado Néstor Rego, para concluír que é necesario un “Grupo galego que condicione cos seus votos, de forma permanente, as decisións do Goberno”.

“Só é cuestión de tempo” continuou o voceiro nacionalista “porque cada vez son máis os galegos e galegas conscientes de que só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses de Galicia. Cada vez son máis os galegos e galegas que saben que Galiza está se está o BNG”.

0.088202953338623