Noa López Tallón: “Representar á miña terra é moi emocionante”
Por Jessica Fernández
De onde nace o seu amor polo deporte?
Dende pequeniña meus pais sempre me inculcaron o gusto polo deporte en xeral, gústame velo e sobre todo practicalo. Teño feito de todo: ximnasia rítmica, natación, esquí, patinaxe, baloncesto... aínda que o que máis me chamou sempre foi o fútbol.
En cantos deportes competiu e con que clubs?
En ximnasia rítmica estiven co Club Xirandela, en fútbol sala co Colexio da Asunción, en fútbol campo coa SD Sarriana e co PM; e en Baloncesto co CB Sarria, Estudiantes de Lugo, BBCA de Ferrol e o Club Ensino de Lugo.
Pode contarnos a súa traxectoria?
Comecei a xogar ao baloncesto aos 6 anos no Colexio da Asunción, pero alí non competía. Esta actividade impartíaa o CB Sarria. Cando tiña 8 anos entrei en programas de seguimento da Federación Galega de Baloncesto, formando o Combinado Galego (10 nenas de 8 anos seleccionadas de toda Galicia). A partir de aí, na tempada seguinte, empecei a competir co CB Sarria na categoría de Premini onde estiven 5 anos, compaxinándoo con vinculacións ao Estudiantes de Lugo en categoría Mini e outro ano en BBCA Costa ártabra en categoría infantil para poder competir en Liga Galega. En cadete dei o salto ao Ensino, no que estou actualmente vivindo a miña terceira tempada.
A nivel de clubs, cales son os momentos máis salientables que viviu?
Cando era infantil, fun convidada polo Ensino a participar na Minicopa da Raíña. Nesta competición só poden participar os equipos infantís de clubs que compiten en Liga Endesa. Daquela, non xogaba no Ensino, pero a competición permitía levar ata 3 xogadoras convidadas e eu fun unha delas. A miña participación nesa competición abriume moitas portas. Celebrouse en Valencia, nas instalacións de la Alquería del Basket e eu nunca estivera nun complexo deportivo tan impresionante. Foi xenial. A nivel Galicia, gañar o Campionato Galego en categoría infantil co BBCA de Ferrol 2022, o Campionato Galego júnior co Ensino, en 2023 e o subcampionato en 2024 foron momentos importantes. A posibilidade de vivir e competir en tres Campionatos de España de clubs tamén foron vivencias incribles.
Como é a experiencia de formar parte dunha Selección Galega?
Ser galega e poder representar á miña terra é dos momentos máis emotivos e emocionantes. Iso non só supón competir, senón que dá acceso a adestrar con adestradores fabulosos, participar en torneos noutras comunidades, compartir concentracións coas mellores xogadoras de Galicia, viaxar, coñecer xogadoras de toda España... síntome unha privilexiada por ter vivido coa Federación Galega tres Campionatos de España de Seleccións en Huelva. Este tipo de experiencias enriquecéronme tanto a nivel deportivo como persoal, deixándome amizades para toda a vida. Porén a pandemia deixoume mal sabor de boca ao non poder participar no Campionato de España Mini en San Fernando, que tivo que suspenderse, foi unha pena...
Tamén lle gusta a modalidade de 3X3.
Si, é unha modalidade deportiva que está gañando moita popularidade. O 3x3 chegou para quedarse, gústame moito. No verán, cando teño tempo libre, aproveito para xuntarme con amigas de diferentes sitios de Galicia e participar en torneos de verán porque é unha maneira de seguir facendo o que máis me gusta pero dun xeito máis lúdico.
En competición oficial no 2023 participei con dúas nenas de Ferrol e unha de Vigo e fomos Campioas Galegas SUB-15, o que deu paso ao equipo ao Campionato de España 3x3 en Blanes, representando a Galicia. Nese mesmo ano, co Ensino participei no Campionato de España 3x3 de Clubes sub-17 que se celebrou en Mallorca.
E da Selección Española, que nos pode contar?
Que te chame a Selección Española é sempre un orgullo. Son moi poucas as nenas as que teñen a oportunidade de entrar e ser unha delas é un privilexio. Entrei por primeira vez na Sub-a14 nunha concentración en Íscar, Valladolid, na que xogamos un triangular con Portugal.
Coa Sub-15 fun convocada para participar nun campionato organizado pola JUNIOR NBA en Abu Dhabi. Foi incrible. Alí competimos contra Inglaterra, Alemaña, Emiratos Árabes, Qatar e Líbano. Gañamos o torneo, e fun a MVP contra Alemaña foi unha vivencia moi especial.
Cales son os valores que, para vostede, son imprescindibles no baloncesto?
Penso que a humildade é un gran valor que, acompañado do traballo, a disciplina, a constancia, o compromiso e o compañeirismo, levan ao éxito deportivo e social. Os valores do baloncesto son os valores que deben estar presentes tanto no deporte como da vida.
Cal foi o peor momento da súa carreira deportiva?
Téñoo moi claro: o 12 de xaneiro de 2024 xogando un partido en Culleredo notei un crack no xeonllo esquerdo. Rompín o menisco, tiña que parar e pasar por quirófano, a tempada para min remataba. Foi un duro golpe nun ano que tiña moitas proxectos. Tiven que vivir na bancada dúas fases finais galegas, dous campionatos de España, fase de ascenso a Liga 2... pero quédome con que aprendín moito. Sentín o cariño de moita xente, que me axudou e me encheu de forza, estivo ao meu lado acompañándome na miña recuperación... E así aprendín que nos momentos malos sempre aparecen cousas boas, que son as que hai que agarrarse para coller impulso.
Como o viviu?
Sabía que un deportista ten que convivir co risco á lesión, pero foron meses complicados. O meu ritmo de vida cambiou, xa que non podía adestrar, xogar, convivir coas compañeiras, non sabía se volvería a xogar, se sería a mesma xogadora... Durante os meses de recuperación, sentinme moi arroupada. Chegáronme moitas mensaxes de ánimo. Doulle as grazas a Adrián Gallego, o meu médico e veciño de Sarria, que me operou, o preparador físico de Ensino e aos fisios que me axudaron. Traballei duro para recuperarme e poder volver axiña, e conseguino. Tiven moita sorte.
Como foi a volta ás pistas?
Moi intensa. Comecei a pretempada con Liga Endesa en agosto, en setembro cos meus equipos júnior e sénior autonómica e aínda que teño algunha molestia típica trala operación, pouco a pouco me vou atopando mellor e cada día que pasa síntome con máis forza.
Falando de Liga Endesa... hai pouco pasou algo moi especial
Pois si, outro soño conseguido. Teño a sorte de que no Ensino confían moito en min e quérenme ben. Este ano estou en dinámica co primeiro equipo e aínda que xa xogara partidos amistosos de pretempada, este ano no primeiro partido da Liga en Lugo convocáronme para xogar contra o Valencia Basket e debutarei nun partido oficial de Liga Endesa con 16 anos.
Que supuxo iso?
Foi un soño feito realidade. No momento de saír á cancha, creo que fun a nena máis feliz do mundo. Non sentín nervios, estaba confiada porque me sinto súper querida e apreciada tanto polas xogadoras como polo corpo técnico. Cóidanme un montón e axúdanme a superar as dificultades, estou aprendendo moito e sempre estarei agradecida desta oportunidade que me están dando.
Como ve o futuro?
Gustaríame poder vivir a experiencia de chegar a ser xogadora de baloncesto profesional. Sei que é moi difícil e é para unha etapa curta da vida, pero é algo polo que vou traballar. No futuro seguro que estarei vinculada ao deporte, que é o que máis me gusta.