Noelia Pillado, responsable do CEIP Samos: “Nos colexios rurais atendemos aos nenos de forma personalizada e cuns valores que non se ven noutros colexios”
Falamos con Noelia Pillado, responsable do centro educativo Ceip Samos; Jennifer López, responsable da especialidade de Audición e Linguaxe no centro; e Jesús Losada e Pedro, ex profesores no colexio.
Por Jessica Fernández Cerdeira.
Como foi a implantación da escola hai 40 anos?
Eu cando cheguei (fala Jesús) o segundo ano de ter inaugurado o centro, o único que había era o colexio, o exterior era un páramo sen nada ao redor. O centro creouse para 6 unidades, pero desde o principio xa traballamos con 9, unha de infantil, preescolar por aquel momento, e oito de EXB. Os espazos eran moi reducidos e houbo que dividir aulas e aproveitar outros espazos que había para dar clase.
A primeira petición que se fixo foi a de construír un pavillón polideportivo porque a Educación Física non había onde dala. Había un pórtico cuberto pequeno, pero con moito esforzo o Concello decidiu facer o pavillón deportivo municipal dentro do recinto do colexio, iso foi un alivio para a Educación Física e para os recreos porque aquí chove moito no inverno.
Despois, fíxose o patio de recreo que hoxe en día é incrible con parque infantil, zonas pavimentadas… as melloras hoxe en día son notables. Daquela, cando eu cheguei, había 169 alumnos no ano 84-85.
Agora hai 22 alumnos, o cal é significativo. A finais dos 90 foi cando empezou a baixar a grandes pasos o alumnado ata o día de hoxe, que son poucos, aínda que máis noutros momentos.
Que supuxo a escola para o Concello e os habitantes?
Para a sociedade (segundo Jesús) supuxo a unificación de todas as escolas que estaban repartidas nas diferentes parroquias de Samos, foi xuntar a todos os nenos nun mesmo recinto.
Nas escolas unitarias, a unificación supuxo conseguir un transporte escolar para traer os nenos á escola, supuxo comedor escolar para os nenos e non ter que ir á casa, foi un avance importante.
O alumnado tiña profesorado para cada nivel, nas escolas unitarias estaban todos xuntos e aquí puideron diferenciarse por niveis. Para o alumnado foi importante e para os pais tamén porque podían conciliar.
As escolas unificadas (segundo Pedro) foron un fomento do abandono do rural brutal. Por exemplo, o colexio Fiz Vergara Vilariño estivo funcionando moi poucos anos, e o Val de Lóuzara é unha entidade cultural de primeira magnitude.
Ese colexio foi pechado pola administración tendo alumnado, o cal resulta incomprensible. Era necesario mantelo aberto para non promover o abandono e desarraigo e o derrubamento da vida no Val de Lóuzara que ten recursos naturais e servizos ecosistémicos de primeira orde.
É necesario que se reabran os colexios do rural como ámbitos educativos óptimos se contan con profesorado suficiente e que se retorne a eles.
O rural non é idílico por se, se conta coas condicións debidas. Unha formación debida para o rural, coñecer os contextos rurais e de futuro, temos que volver ao rural. Nesa defensa hai que retornar e non ten sentido seguir pechando escolas. Non se pode condenar ese val.
Cales son as causas de que baixara tanto o alumnado desde o 83 ata agora?
Hai dúas causas (segundo Jesús): a natalidade, que baixou; e tamén a perda de explotacións agrarias, antes había infinidade, fixeron o posible para que foran pechando e moitos veciños tiveron que marchar para Sarria.
Eu estiven de profesor no Frei Luís e había moitos fillos de ex alumnos de Samos. Trasladáronse buscando unha mellor forma de vida porque a perda das explotacións foi un palo para o rural.
Como cambiou o centro fisicamente?
O pavillón e o que é o centro están igual, pero si que se fixeron os patios para o recreo. Sobre todo queremos destacar (fala Noelia) o patio inclusivo foi creado coa axuda da Anpa, que tivo a iniciativa de crear un patio inclusivo e entre a Anpa e o centro creamos unha aula para pasar as horas que chove, que son moitas, nunha aula na que poder facer xogos inclusivos.
Como é o tipo de educación que se leva a cabo no cole?
Baixo o noso punto de vista (fala Noelia) apréndense uns valores que noutro tipo de colexios non se aprenden.
Os pequenos toman como modelos de referencia aos maiores e os maiores teñen moita responsabilidade desde pequenos ao facerse cargo dos máis novos. Axudan aos pequenos a nivel escolar e de crecemento persoal. Como docente é unha experiencia marabillosa ver como van progresando sen a túa propia axuda. Son eles os que se van desenvolvendo e é diferente a como é noutros centros.
Os contidos curriculares trabállanse en todas as escolas, pero nestas ademais se ven uns valores e hábitos que nunha escola grande non. Aquí somos unha gran familia e nos colexios grandes moitas veces non se coñecen entre eles. Aquí coñécense todos.
Eu (fala Jesús), despois de estar neste colexio, estiven nun máis grande e estas cousas eran imposibles, non podían coidar uns doutros e había que implicar ao profesorado pero non era posible. Aquí é máis familiar, ten moitas vantaxes.
Que desafíos presenta este colexio?
Falta de persoal (fala Jennifer). Noelia é a responsable do centro e profesora de primaria e eu son a de Audición e Linguaxe, pero nós temos que dar Educación Física e Música porque non hai xente e é un problema para os nenos porque logo chegan a Sarria e teñen menos coñecementos que os que levan alí anos porque teñen profesionais a pesar de implicarnos ao 100%.
Ademais, como dixo Pedro, hai falta de formación no ámbito rural. Eu (fala Noelia) cando cheguei tiña cinco cursos, uns nenos con libro, outros con ordenador e eu ao principio non daba abasto con todo e eu pasaba moitas horas na casa, excedendo o meu horario, preparándome para que ningún neno quedara atrás, hai que preparar para varios tipos de alumnado e ao ser tan pequeno o cole o bo é que os nenos maiores atenden aos pequenos e iso é moi bo, porque ademais como non hai persoal, se vén alguén, tes que atenderlle. Os maiores son unha gran axuda.
Outros problemas, ademais da propia falta de profesorado, é que os proxectos quedan a medias porque teñen que facerse dun ano a outro pero se o profesorado cambia, o proxecto morre.
Poden comentarnos algunhas diferenzas entre o alumnado de antes e de agora?
O alumnado dos anos 80 (fala Jesús) era un alumnado que vivía moi intensamente o medio rural, vivían coas vacas e sabían como se chamaban. No colexio eran moi respectuosos, coido que o seguen sendo, case sempre pasa o mesmo. No medio rural os nenos son máis respectuosos que os do mundo urbano. Cambiou a cousa en canto a que antes non había teléfonos nin ordenadores, o mundo cambiou e a sociedade avanzou entón fóronse adaptando tamén.
Por outro lado, recordo que antes se facían as excursións como un acontecemento incrible e unha experiencia tremenda para os nenos, porque non facían viaxes, pero agora xa van cos pais, poden velo na tele, entón iso cambiou, pero as escolas foron un precedente.
Eu (fala Pedro), a única diferencia que noto é que o sistema capitalista turbou o medio rural, que é un medio moi resiliente, con moita capacidade de autoxestión e de autoabastecemento, o cal non lle interesaba ao consumismo industrialista.
Agora, con toda a invasión eólica ao servizo das grandes multinacionais prexudicando ao medio rural na súa actividade máis xenuína, a agricultura sufriu un proceso industrializador, que a está a prexudicar notablemente porque agora o mundo ten a emerxencia climática e a falta de combustibles fósiles o futuro non vai ser industrial, polo que haberá que volver ao rural, pero de forma crítica, cos coñecementos de hoxe e a cultura da agricultura rexenerativa, e incluíla nos saberes tradicionais para facer un polo do século XXI para mellorar a permanencia da agricultura veciñal con comunitarismo.
A educación debera retornar desde o punto de vista crítico e consciente aos valores tradicionais aproveitables co sentido crítico.
No rural sorprendeume gratamente (fala Noelia) que os nenos non teñen esa pillaría que hai no medio urbano de buscar cousas no ordenador que non teñen que ver coa clase. E vese a diferencia entre os coles rurais e outra tipoloxía de centros.
Eu creo que o medio rural vai medrar e imos conseguir máis alumnado en vindeiros anos. A xente a raíz da pandemia valora máis o rural, ven que os colexios urbanos cada vez están máis masificados e aquí podemos atender a máis alumnado, é unha atención personalizada, temos una valores diferentes e as nosas infraestruturas son incribles, con espazos verdes… e ademais promovemos a conciliación, estamos mirando madrugadores, actividades pola tarde, campamentos de verán… Todo son vantaxes para apostar polas escolas rurais.
Teñen colaboración coa Xunta e co Concello, como o valoran?
Para nós o mellor é a Anpa, que está sempre axudando e buscando axudas porque saben que ao final iso vai repercutir logo nos seus nenos. Para min (fala Noelia) é o máis importante.
Actualmente, tamén temos moita comunicación co Concello, moi fluída, e queremos tirar deles para o que necesitamos e eles tamén se dan conta de que somos un motor porque se veñen nenos fíxase poboación en Samos e iso impórtalles, polo que están con nós.
A Consellería, máis ou menos. Este ano aumentamos o profesorado, o que avaliamos positivamente porque así podemos dividir aos nenos e é algo que as familias valoran. De 6 a 12 anos as familias o ven como un problema, porque aos de 12 anos hai que preparalos para o instituto. Agora ao ampliar o profesorado, mellor.