Nova oficina de emprego en Sarria para mellorar a atención ás persoas demandantes

SarriaXa
A Xunta de Galicia investirá máis de 800.000 euros nunhas instalacións modernas que compartirán espazo co SEPE e darán servizo a sete concellos da comarca
Nova-oficina-emprego-Sarria-2025
29 May 2025

A Xunta de Galicia está a dar os pasos necesarios para poñer en marcha a nova oficina de emprego de Sarria, que se situará nun baixo da Rúa Formigueiros. O inmoble, adquirido pola administración autonómica por un importe de 210.000 euros, conta cunha superficie de 375 metros cadrados e albergará unhas instalacións que se pretenden converter nun punto clave para a atención ás persoas demandantes de emprego da comarca.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración estima que o orzamento necesario para acondicionar o local ascende a arredor de 650.000 euros. Este departamento informou que prevé licitar a redacción do proxecto de acondicionamento das instalacións no segundo semestre deste mesmo ano. Unha vez rematado ese documento técnico, sacaranse a concurso os traballos de execución das obras.

As novas instalacións permitirán mellorar notablemente as condicións tanto para as persoas usuarias como para o persoal que presta servizo, segundo sinalou a Xunta, que aspira a facer deste espazo un referente no ámbito laboral da comarca. A nova oficina substituirá a actual, situada no número 60 da Rúa Nova, e continuará a ofrecer servizo aos concellos de Sarria, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos e Triacastela.

A directora territorial de Emprego en Lugo, Carmen José López, valorou positivamente este avance e subliñou a importancia da nova sede para modernizar a atención ás persoas desempregadas da zona. A oficina será compartida co Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) e contará, segundo avanzou a Consellería, con reforzos no persoal técnico para mellorar os servizos de orientación, fomentar a captación de ofertas laborais e favorecer a conexión co tecido empresarial local.

⚙ Configurar cookies
0.15608191490173