Novoauto: “Ofrecemos vehículos de calidade e unha atención continua ao cliente”

SarriaXa
Emilio No, Marisa Pérez e Adrián No, xerentes do negocio Novoauto, poñen en valor a importancia de ofrecer un servizo de mobilidade para a veciñanza de Sarria
NovoAuto-concesionario
1 May 2025

Jessica Fernández

Como xorde o negocio Novoauto?

Novoauto é unha empresa familiar que xorde en 1999 despois de anos de traballar no sector do automóbil. Comezamos con Seat e en 2014 fixemos unha ampliación xeral das nosas instalacións, incorporando Audi, Volkswagen, Cupra e Ford.

Cales son os obxectivos?

No momento no que comezamos na comarca de Sarria había unha parálise de marca Seat, polo que decidimos dar un servizo que non había. Na actualidade, temos unhas amplas e modernas instalacións. Dispoñemos de equipos dixitais, máquinas de última tecnoloxía, como sistemas de calibración de radares e cámaras, cargas de aire… Pero, sobre todo, contamos cun equipo de grandes profesionais cualificados e formados para poder ofrecer o mellor aos nosos clientes.

Que traballo se fai no taller?

Traballamos 12 persoas repartidas en varios departamentos: administración, venda e reparación de vehículos. En canto ao taller, temos zonas diferencias: servizo rápido de posvenda, mécanica e carrocería. Esta última, aínda que está integrada, diferénciase en dúas zonas: a de chapa e pintura. Tamén que temos colaboración con importantes compañías de seguros, como Reale, Zurich, Alianz, Mapfre... E, se o cliente nolo pide, concertamos cita e levamos o seu vehículo á ITV para poder ofrecerlle o mellor trato e servizo.

Como é o servizo de venda de coche?

Con respecto  á venda, ofrecemos vehículos novos das nosas marcas, facilitando a proba na estrada, o asesoramento do modelo que lle vai mellor a cada persoa, así como xestionamos o financamento do coche se o cliente o demanda. Dispoñemos de coches de km0 e vehículos de xerencia con garantía de 5 anos por parte do fabricante con prezos moi competitivos. En canto aos vehículos de ocasión, ofertamos coches de menos de 100.000 quilómetros e menos de 6 anos.

Están agora na expansión do seu negocio a través do coche de alugueiro.

O tema do alugueiro de vehículos xorde en xuño de 2024 porque cremos que hai unha necesidade na zona, xa que ninguén ofrece ese servizo. Creamos a empresa Nopercar S.L.., co apoio e colaboración do nosos fillos, e sumámonos á franquicia danesa OSCAR  para ofrecer o alugueiro de coches en Sarria. Contamos con 25 coches de diferentes modelos, como utilitarios, medianos e alta gama. Dispoñemos tamén de 3 furgonetas de carga comerciais e 2 monovolumes de 9 prazas. O obxectivo é que o cliente teña a posibilidade de solucionar as súas necesidades de traballo e de ocio de forma sinxela e cuns prezos económicos, xa que podes alugar un coche desde 30 euros ao día e con 200 km de autonomía incluídos. Ademais, o alugueiro pode facerse directamente na aplicación de OSCAR ou ben vindo ás nosas instalacións na que as atenderá unha persoa.

Como valoran este primeiro ano?

Pois chámanos a atención a diversidade de clientes que temos, xa que os vehículos que nos demanda o publico é o moi diverso. Pídennos monovolumes para viaxes longos, vehículos particulares porque ao cliente se lle avariou o coche ou porque é moi vello e queren viaxar cun vehículo máis novo... Tamén nos alugan coches persoas que veñen de vacacións a Sarria e peregrinos que queren coñecer a zona, sobre todo para visitar a Ribeira Sacra. Tamén clientes de empresas e de institucións para utilizar no día a día. A verdade é que en menos dun ano xa temos clientes satisfeitos que repiten e a día de hoxe xa contamos con reservas para o verán. De feito, xa o temos bastante cheo.

En xeral, como é o trato co cliente?

O trato co cliente é moi próximo, que é o que nos diferencia; xerar confianza e estar cada día cos nosos clientes, implicándonos en todo o proceso de venda, reparación ou alugueiro dun vehículo. Por iso , temos unha clientela moi fiel entre a que destaca a que renovou varias veces o coche con nós ou as familias que apostan por mercar todos os seus vehículos en Novoauto. Ademais, non só temos clientes da comarca, veñen moitos de Monforte, de toda a provincia de Lugo e outros que viven fóra.

Patrocinan eventos na comarca de Sarria?

Colaboramos en moitos eventos da comarca, así como cos equipos de deporte local, o  fútbol sala, baloncesto… Somos patrocinadores das categorías da canteira da SD Sarriana, a Pretorian Race, o Club Clásicos Sarria, os torneos de fútbol que se fan na Ribela…

En canto ao futuro, como ven o negocio e, en xeral, o sector do automóbil?

Con respecto ao sector, agora mesmo está nun momento difícil porque estamos experimentando un cambio global cara aos modelos eléctricos, e ademais cada vez hai máis dificultade para incorporar novas persoas cualificadas. No noso caso, volvo sinalar que temos sorte de contar cun equipo consolidado e forte de moitos anos, así como tamén somos afortunados por incorporar xente nova que aportan cousas novas a nosa empresa. Ademais, estamos moi ben posicionados porque ofrecemos un servicio de calidade, xa que cos vehículos que vendemos contan coa garantía das marcas. A xente non se dá conta dos riscos que ten comprar un coche de segunda man sen garantías e sen contar con ninguén que che resolva o problema. Nós pretendemos estar sempre  ao lado do cliente, ofrecendo un servizo de calidade. Así, o noso obxectivo de futuro é seguir posicionados e de maneira ascendente, contando sempre co apoio do noso gran equipo de traballo.

⚙ Configurar cookies
0.049483060836792