Novos cursos sobre bioseguridade nas explotacións avícolas en Sarria
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar en Sarria dous cursos sobre bioseguridade nas explotacións avícolas, co fin de mellorar a competencia dos produtores nun sector cada día máis especializado e competitivo.
Impartidos polo Servizo de Gandaría de Lugo, darán a coñecer aspectos prácticos e teóricos dos novos sistemas produtivos, así como os cambios que introducirá o novo real decreto de avicultura. Tamén se abordará o programa REDUCE, que consiste na diminución do uso de antimicrobianos na avicultura, e os requisitos mínimos de bioseguridade aplicables ás explotacións avícolas.
Neste senso, cabe sinalar que un dos cursos estará centrado en explotacións de reprodutoras e celebrarase o vindeiro venres 26 de novembro, mentres que o outro dedicarase ás explotacións de pavos e polos e terá lugar o venres 3 de decembro. Ambos serán na Casa da Cultura de Sarria en horario de tarde, de 16,00 a 21,00 horas.
Cómpre apuntar que esta acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.