O alcaldable do PSOE no Páramo defende que traballará por modernizar o concello
O PSOE do Páramo presenta a súa candidatura ás elección municipais do vindeiro 28 de maio, unha "candidatura renovada, que desenvolverá un traballo útil para a veciñanza e comprometida co futuro do municipio", segundo manifestou o candidato socialista ás eleccións municipais, José Manuel Gayoso.
O alcaldable remarcou que traballará “para modernizar o concello, situalo onde se merece e poñelo en valor, con servicios e novas dotacións públicas necesarias para toda a veciñanza”.
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou “o compromiso co seu pobo” que demostra José Manuel Gayoso ao liderar o proxecto socialista e comprometeuse co candidato a traballar “xuntos cando sexa Alcalde” para “dar un novo impulso a este concello, coas súas ideas e propostas para impulsar O Páramo”.
Por iso, Gayoso incide en que o Concello “necesita novas ideas” para favorecer o desenvolvemento do municipio e mellorar a calidade de vida dos veciños, e facelo “nun ambiente de concordia e entendemento”.
Ademais, remarcou que vai “colaborar con todas as administracións públicas para conseguir o apoio institucional necesario e a financiación precisa para afrontar melloras dotacionais no concello, en todos os niveis, e contando sempre coa participación activa das asociacións do Páramo, tanto veciñais, de montes, culturais, deportivas, etc.”
“Hai outra forma de facer política, sen acritudes ou enfrontamentos, que o único que conseguen é crear mal ambiente e perder o tempo, en vez de poñerse a traballar por mellorar a calidade de vida dos veciños, que é afinalidade que debe ter o equipo de goberno municipal”, asegurou o candidato socialista.
Dentro do seu programa electoral, solucionar os fallos no subministro municipal de auga, ofrecer máis servizos e alternativas aos maiores e á mocidade, o apoio ao sector primario e a mellora das comunicacións por estrada, serán os piares.
A lista da candidatura está formada por oito persoas que acompañan a José Manuel Gayoso López, que son Marcelina López Fernández, María José López López, José Antonio Vázquez Meilán, Francisco Rodríguez López, María José Luisa Ramona Valcárcel Fernández, Manuel Pérez López, Eliseo Fernández García e Javier López Zolle.