O alcalde de Paradela concorrerá de número 5 na lista do PP da provincia de Lugo nas eleccións á Xunta

SarriaXa
O alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, cesará no seu cargo como alcalde de Paradela despois de máis de 40 anos, tras decidir concorrer de número 5 na lista do PP da provincia de Lugo ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro.
11 Xan 2024

O alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, cesará no seu cargo como alcalde de Paradela despois de máis de 40 anos, tras decidir concorrer de número 5 na lista do PP da provincia de Lugo ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro.

O rexedor convocou un Pleno, que se celebrará mañá, para facer efectiva a súa renuncia e o seu posto ocuparao a tenente de alcalde, Monteserrat Mulet Sar, quen, na actualidade, compaxina o posto político co de médico no centro de saúde local.

Mato, que leva toda a vida dedicado ao municipalismo, di da nova rexedora que “reúne todas as condicións para seguir liderando o proxecto gañador que temos en Paradela” e agradece a confianza depositada na súa persoa, tanto pola dirección provincial como pola galega, pero, sobre todo, a dos seus veciños, e enfoca a nova etapa como “unha oportunidade para seguir traballando e defendendo ao seu concello e á nosa provincia dende a máxima institución lexislativa de Galicia”.

Desde o Partido Popular provincial destacan a José Manuel Mato como unha persoa cunha traxectoria política “impecable e digna de por en valor” dentro da formación popular, na que os veciños sempre depositaron na súa persoa e, en consecuencia, no Partido Popular un rotundo apoio.

Acumula 12 maiorías absolutas, sendo o alcalde do PP máis antigo da provincia nestes momentos e un dos máis xoves de España, cando tomou posesión do cargo en 1979, con 24 anos.

0.17633509635925