O alcalde de Paradela espera poder recuperar a ruta do río Loio para Semana Santa
Continúan os traballos para analizar o custo e as obras a implementar na ruta do río Loio de Paradela despois dos temporais de xaneiro.
O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, xa estimara en xaneiro que os danos ocasionados polos temporais poderían ascender a máis de 500.000 euros e recentemente confirmou de novo esta cifra ao explicar que destruíronse tres pontes, ademais da situación das árbores caídas no río.
Di que están esperando os permisos correspondentes para poder acometer as melloras desta ruta "tan importante para Paradela", xa que está pegada ao Camiño de Santiago e "isto prexudícanos a nivel turístico e gastronómico", xa que "vén menos xente se a ruta está inutilizable", argumentou.
A intención do Concello de Paradela é levar a cabo as obras de reconstrución e acondicionamento do río antes de Semana Santa para poder ofrecer aos turistas un lugar onde desfrutar das características naturais de Paradela, "só coa axuda da Xunta e o esforzo do Concello, pero sen contar coa axuda da Confederación Hidrográfica", concluíu Mato.