O alcalde de Samos denuncia o "bloqueo" da Xunta aos proxectos municipais
O alcalde de Samos, o socialista Julio Gallego, denuncia o "bloqueo" da Xunta aos proxectos municipais e adianta a intención de que o seu partido leve ao Parlamento galego unha pregunta ao respecto.
O rexedor lembra que no ano 2018 o Concello solicitara o permiso para a construción dun paseo en Renche "para mellorar a mobilidade e a imaxe da aldea", pero a día de hoxe seguen sen obter resposta algunha. "Parece que literalmente ignoran o rural", di.
O pasado mes de decembro, o Concello solicitaba unha nova autorización, neste caso para mellorar accesos a núcleos rurais, como o de Formigueiros-Alto do Couso, Aián-A Veiga ou o de Pedra Chantada. A única resposta da Xunta, segundo Gallego, foi confirmar que recibiron a petición e explicar que teñen un prazo de seis meses para resolver, do contrario enténdese desestimada a solicitude.
"Isto é un atranco para o día a día dos pequenos concellos. Neste caso trátase de actuacións en camiños rurais, de titularidade municipal, pero como nalgún punto entroncan coa rede de estradas había que solicitar o permiso. Fixémolo, entregamos toda a documentación, e agora dinnos isto. Pasarán os seis meses e seguiremos como estamos. Polo menos, se non contestan nese prazo, o silencio administrativo debería ser a favor do cidadán, entendendo concedida a autorización. Estamos totalmente bloqueados con este mal funcionamento da administración, que parece terceiromundista", argumenta Julio Gallego.
O alcalde samonense ten a intención de que o PSdeG-PSOE leve ao Parlamento este asunto co fin de pedir explicacións ante "unha burocracia interminable e chea de atrancos para as administracións pequenas".