O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, insiste: "Matadoiro, si; xestión pública, non"

SarriaXa
O rexedor municipal contesta ao alcalde de Láncara, dá conta da reunión que mantivo co sector cárnico e pídelle á oposición que, se o ve necesario, presente unha moción de censura
Claudio-Garrido,-Camiña-Sarria
15 Nov 2024

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e o grupo de goberno de Camiña Sarria, defende que o matadoiro de Sarria "é unha instalación municipal, propiedade do Concello de Sarria, e non é, como afirmou o señor Piñeiro, alcalde de Láncara, un matadoiro comarcal".

Por tanto, explica, "a súa xestión, financiamento e mantemento dependen exclusivamente do Concello de Sarria, e non se sostén con achegas doutros municipios da comarca". Ademais, o matadoiro finánciase "unicamente con ingresos das taxas dos usuarios, que están sen actualizar dende o 2014. Pero, ademais, estes ingresos non cobren os custos operativos, xerando un déficit anual de 150.000 euros, que é asumido na súa totalidade polo Concello de Sarria, unha carga que os nosos veciños teñen soportado ata a data en beneficio da comunidade".

Por isto, explican desde o Goberno local, "consideramos necesario avanzar cara a un novo modelo de xestión do matadoiro, que non debe ser levado a cabo pola administración pública".

Por outra banda, nunha reunión mantida a proposta dun dos carniceiros de Sarria, o alcalde explicou que a intención do equipo de goberno é manter aberto o matadoiro, "sendo o peche actual temporal e debido á necesidade de reparacións imprescindibles, que non se podían facer debido á falta de consignación presupostaria, polo que no pleno aprobouse unha modificación de crédito que permite afrontar ditas reparacións".

E tamén sostiveron en dita reunión que o equipo de goberno quere cambiar a xestión do matadoiro porque "se está a incumprir a lei, que dispón que a actividade do matadoiro debe recibir por contraprestación, un prezo público que debe de cubrir o 100 % do custo do matadoiro e isto é coñecido por todos os carniceiros, xa que hai un informe de Tesoureira que se lles presentou que estableceu un prezo inasumible polos usuarios, sendo, pois, a única solución a xestión privada".

Ademais, desde Camiña Sarria din que "en diferentes ocasións, o alcalde propuxo a xestión aos carniceiros mediante un convenio, pero, ao non darse, a intención do equipo de goberno é elaborar unhas bases para a licitación dunha concesión que debería aprobar o pleno. Se o sector cárnico manifesta a súa conformidade, o matadoiro abriríase en canto estean solucionadas as reparacións necesarias", sentencian.

Finalmente, contéstanlle á oposición argumentando que levan "tempo traballando para atopar solucións responsables e sostibles para o matadoiro, tendo sempre en conta os intereses de todos os veciños e veciñas e priorizando a transparencia e o uso adecuado dos recursos públicos".

Así, sosteñen que os partidos non "propoñen unha solución viable económica e administrativamente e legal" e que "esta é a única á vista dos informes técnico-xurídicos, que permite manter aberto o matadoiro, a xestión privada".

Así, conclúen que "se PP, PSdG e BNG consideran que mentimos ou non sabemos xestionar, sempre poden presentar unha moción de censura. O certo é que non chegamos a comprender como farán para sortear a lei e os informes dos técnicos do concello relativos aos prezos públicos".

0.18222498893738