O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, sostén que seguirá cos "procedementos necesarios" para conseguir a Feculera
Claudio Garrido, alcalde de Sarria, sostén que estudará "levar a cabo un recurso de casación contra a sentenza do TSXG na que se estima o último recurso do PP de Sarria, anulando a adquisición da Feculera, xa que consideramos que o PP de Sarria está a realizar unha estratexia destrutiva sen considerar as necesidades e intereses dos veciños e veciñas da vila".
Así, explican que cando se comezou o proceso para a adquisición do espazo, o PP "estorpeceu con noticias falsas que falaban de empresas que querían comezar a realizar unha actividade industrial nas instalacións e que non podían facelo por impedimento do Concello".
Pero, despois, unha vez adquirida, puntualizan "xa non lles resultaba válido para ningunha construción e buscaron novas escusas. Entorpeceron presentando un recurso de carácter técnico que impediu durante catro anos poder comezar a realizar o proxecto da construción dun auditorio e un espazo sociocultural".
Por último, din que logo da sentenza favorable do contencioso a favor do Concello, cando o Goberno comezou a traballar no anteproxecto, elevaron o caso ao TSXG "nunha clara demostración de que unicamente buscan que non se avance en algo tan necesario como un proxecto desta envergadura", denuncian.
Así, pregúntase Garrido: "Como é posible que non se centren nos intereses de Sarria e pensen unicamente en poñer pedras que non permitan avanzar un proxecto de máxima necesidade para toda a poboación?"
En definitiva, concluíu que "visto que se trata dunha infraestrutura que transforma o tecido cultural e asociativo, motor do impulso dunha economía local e unha transformación urbanística no Barrio da Estación, seguiremos cos procedementos necesarios para avanzar nos intereses dos nosos veciños e veciñas".