O alcalde de Sarria defende a suba da taxa do lixo como unha obriga legal imposta

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, explicou que a actualización da taxa pola recollida de residuos responde á nova Lei de Residuos aprobada polo Goberno central, que obriga a todos os concellos a cubrir mediante a taxa o custo completo da xestión do lixo.
O rexedor recoñeceu que “nin a min nin a ningún alcalde nos gusta ter que aumentar a presión fiscal aos veciños, pero a realidade é que estamos obrigados por lei a repercutir o importe íntegro dun servizo que leva anos sendo deficitario e que precisa mellorar a calidade da súa prestación”.
Durante a comisión informativa, Garrido subliñou que a actualización da ordenanza fiscal reguladora da taxa do lixo “debe acometerse de forma obrigatoria, igual que no resto dos concellos, con independencia do Plan Económico Financeiro”. Nesa liña, apelou á “responsabilidade” de todos os grupos da oposición, lembrando que “non se trata dunha proposta do goberno local, senón dunha obriga que vén imposta pola normativa estatal”.
O alcalde amosouse disposto a “avaliar posibles reaxustes nos epígrafes da ordenanza” co obxectivo de “acadar unha regulación máis equilibrada e socialmente xusta”. Aceptou, ademais, a proposta do Grupo Municipal do PP de deixar a ordenanza sobre a mesa e convocar unha reunión con todas as formacións a vindeira semana para “buscar unha alternativa que poida contar cun maior consenso político e social”.