O alcalde de Sarria estuda levar aos tribunais a Patrimonio por non permitir abrir Ponte Ribeira

SarriaXa
Claudio Garrido acusa ao PP de “impedir” a apertura da ponte, solicitada “no estricto cumprimento da legalidade” en xaneiro do ano pasado
ponte ribeira sarria
6 Mar 2021

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, ameaza con levar aos tribunais á Dirección Xeral de Patrimonio por "prevaricación administrativa", por non permitir a apertura de Ponte Ribeira por onde tamén discorre o Camiño de Santiago.

O rexedor acusa ao PP de "impedir" a apertura, solicitada "no estricto cumprimento da legalidade" en xaneiro do ano pasado. Asegura que a Dirección Xeral de Patrimonio non contestou durante un ano, non só ao Concello senón tampouco á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que autorizou as obras no mes de novembro de 2020.

Segundo o rexedor sarriano, "a Xunta impide que poidamos abrir a ponte, o peor é que leva cortada desde 2014 por unha actuación neglixente do PP que executou un proxecto de encauzamento de sete quilómetros de río e só executou 400 metros. No 2014 cortou a ponte e en 2015 abandoou as obras".

Claudio Garrido sinala que a "deixazón de funcións gravísima" da administración autonómica, como tamén da CHMS e de Augas de Galicia, fixo que fose o Concello de Sarria quen "tivo que asumir a responsabilidade da súa execución".

Antes de levar o asunto aos tribunais, o rexedor adianta que presentarán un "recurso de reposición" porque "o Concello vai defender que o acordo municipal de licitación e adxudicación é un acordo firme".

"Non podemos consentir que o PP tome decisións administrativas que perxudiquen aos cidadáns", asegura. E neste senso alude tamén ás recentes obras na rúa Diego Pazos, de titularidade autonómica, que o Concello de Sarria "tivemos que executar por inhibición do Partido Popular".

OS ARGUMENTOS DE PATRIMONIO

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta basea a súa negativa a autorizar a pasarela provisional prevista para reabrir a ponte Ribeira na afección que esa construción tería sobre "unha ponte histórica e o Camiño de Santiago".

Argumenta ademais que pasarela é máis estreita que as estruturas existentes sobre as que se ía realizar e que non se axusta ao ancho das vías ás que dá servizo. Do mesmo xeito, indica o informe que a pasarela prevista non se adapta a un proxecto para o tráfico peonil, e engade que, se o que se quere é restablecer o tráfico rodado e peonil, "xa foi autorizada por esta dirección xeral unha ponte" en marzo de 2018.

A resolución de Patrimonio chega cando estaba a piques de iniciarse a execución dos traballos en Ponte Ribeira.

0.15413498878479