O alcalde de Sarria pídelle á Xunta unha reunión para abordar a necesidade dunha segunda ambulancia
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, vén de solicitar ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, unha reunión para abordar a necesidade de dotar, o antes posible, á Comarca de Sarria dunha segunda ambulancia que permita mellorar a atención das urxencias e emerxencias extrahospitalarias.
Claudio Garrido salienta que a pasada fin de semana rexistráronse dous incidentes que “volveron deixar en evidencia o deficiente servizo do transporte sanitario urxente”.
No primeiro deles, un xogador da SD Sarriana que recibira un golpe durante un encontro e que mesmo chegou a perder a consciencia tivo que agardar media hora pola ambulancia, mentres que no segundo, un veciño que sufriu unha caída na festa do Rosario tamén tivo que agardar máis de 30 minutos para ser trasladado.
Ante estes feitos “recurrentes e preocupantes”, o rexedor local anticipou tamén a presentación dunha moción no vindeiro pleno para “sumar o apoio de todos os grupos políticos a unha petición que é necesaria e xusta”.
Ao respecto, lembrou que xa no ano 2020 unha moción do goberno local contara co respaldo unánime da Corporación Municipal, “pero non foi suficiente para que a Xunta de Galicia respostara positivamente á demanda da veciñanza de Sarria”.
Necesidades nun ámbito rural
O alcalde expuxo que “cando falamos de vidas humanas non vale escudarse en estatísticas nin no cumprimento de ratios, senón que é unha obriga de calquera administración pública destinar os recursos necesarios para ofrecer unha asistencia sanitaria eficaz e de calidade”, apuntou Garrido.
Ademais, lembrou que na Comarca de Sarria viven máis de 22.000 persoas nun territorio de máis 836 quilómetros cadrados, caracterizado pola dispersión poboacional, polo que “unha única ambulancia é a todas luces insuficiente para cubrir as necesidades dos sete concellos da comarca”.
O alcalde apunta que “é o momento idóneo para retomar a petición da segunda ambulancia, posto que a Consellería de Sanidade está a traballar na reconfiguración e actualización do mapa do transporte sanitario urxente e o propio conselleiro xa anunciou a concesión dalgunha ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería para outras comarcas que demandan as mesmas melloras no servizo”.