O alcalde de Sarria responde ás críticas do PP e acusa á súa portavoz de “falta de rigor”
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, respondeu ás recentes declaracións da portavoz do Partido Popular, Carmen José López, lamentando a súa “falta de rigor e tendencia á precipitación”, o que, ao seu xuízo, a leva a “falar antes de informarse e confundir a política cun espectáculo”.
Garrido lembrou que “a documentación sobre o matadoiro enviouse o 18 de decembro”, aínda que posteriormente “se detectou que faltaba un anexo, o que foi comunicado con total transparencia a todos os grupos políticos”. Por este motivo, considera que as acusacións da portavoz do PP son “un intento burdo de manipular a realidade para xerar polémica onde non a hai”.
Nese sentido, o rexedor lamentou que “unha vez máis, a señora López prefira lanzar titulares grandilocuentes en lugar de achegar solucións reais para Sarria”. Ademais, engadiu que “quizais algún día descubra que a política municipal non consiste en fabricar escándalos, senón en traballar con seriedade e responsabilidade”.
Finalmente, Claudio Garrido reafirmou o seu compromiso coa xestión do municipio e asegurou que “mentres algúns están ocupados en buscar fallos onde non os hai, nós seguiremos dedicados a resolver os problemas reais dos veciños de Sarria”.