O alumnado de 3º de Primaria está a traballar no podcast ‘Voces do Páramo’ que se sube a Spotify
Os nenos e nenas de 3º de Primaria do Ceip Plurilingüe do Páramo están a desenvolver un proxecto innovador da man do seu titor e profesor Antonio, que a través das materias de Lingua Galega e Matemáticas está a desenvolver con eles.
Concretamente, é un podcast chamado Voces do Páramo. A casa dos contos, que se grava cada quince días grazas ao material que achega o propio profesor formado por un micrófono e un ordenador cun programa de gravación e edición de audio.
“Os nenos son case todos galegofalantes, pero viamos que había certas dificultades nas linguas, tanto Castelán como Galego, polo que lles propuxen a idea de facer un podcast e encantoulles. Eles mesmos decidiron que a temática foran os contos en galego”, explica Antonio, máis coñecido como Toni.
Nos 15 días de preparación entre un capítulo e o seguinte, o alumnado de 3º de Primaria ten que escoller un libro e logo “lémolo, traballamos as ideas que nos transmite, traballamos a comprensión lectora, facemos un resumo e logo facemos un guión no que cada neno ten a súa parte que debe ccomunicar no podcast”, argumenta o titor. Actualmente, están subidos a Spotify os capítulos 'Orellas de Bolboreta' e 'A sopa queima'.
BENEFICIOS
Esta actividade fomenta que o alumnado desenvolva a capacidade da comprensión lectora, pero tamén axuda á súa comunicación oral “cunha entoación axeitada, o que mellora tamén a súa autoestima e capacítaos para o futuro”, sostén Toni. “Tómano moi en serio, poñen entoación, interpretan, perden a vergonza… Gústalles un montón e aprenden moito”, conclúe o profesor.
Ademais, despois de gravar cada capítulo, súbeno a Sportify e alí ven as visitas que tivo, de onde era as persoas, etc., datos que utilizan na clase de Matemáticas para facer análise de datos e construír diagramas de barras ou liñas sobre a cantidade de visitas e a súa evolución.
Por isto, xa están pensando en promover que este podcast poida ampliarse a todo o colexio, formando unha radio e adaptando os contidos para que todo o alumnado poida pasar por el. Así, deixarán o título Voces do Páramo e no subtítulo incorporarase o novo tema segundo vaian xurdindo.