O alumnado de Triacastela desfrutou dunha ruta polo Monte Oribio dentro do proxecto 'O teu pasado, o meu presente'
Os nenos e nenas do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela desfrutaron dunha importante xornada no Monte Oribio, enmarcada no proxecto de Educación Patrimonial 'O teu pasado, o meu presente', experimentando unha pequena ruta de sendeirismo musicalizada da man de Xabier Blanco, músico e artesán da Fundación Legar.
Co obxectivo de transmitir nun entorno único a música de raíz, á vez que se producía unha sensibilización patrimonial, o alumnado da escola partía dende a praza do Concello o seu camiño cara a alvariza. Durante o traxecto realizáronse diversas paradas, descubrindo e imitando o son dos paxaros con diferentes instrumentos e froitos da natureza, mesmo incluso cunha herba plana.
Ao chegar á alvariza e tras repoñer forzas, desfrutaron dun magnífico concerto musical e, no camiño de volta, moitos dos nenos e nenas da escola xa eran capaces de producir o son dun paxaro co cascabullo da landra. O paseo musicalizado rematou no punto de inicio, realizando o baile mouro ao son da gaita.