O alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila recibe unha resposta do Papa León XIV ás súas cartas

Os nenos e nenas do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela recibiron resposta á misiva que enviaran ao Papa León XIV, quen quixo agradecer persoalmente o agarimo e a dedicación amosados polo alumnado que cursa a materia de Relixión Católica. Nas cartas, o Pontífice recoñece o valor das mensaxes recibidas e o cariño co que foron elaboradas.
O estudantado preparara con especial coidado unhas postais nas que describían a beleza do Camiño Francés ao seu paso por Triacastela, explicando tamén a forma de vida da localidade e os valores que acompañan a ruta xacobea. A iniciativa converteuse nun exercicio educativo e humano que puxo en relación á infancia do municipio cun referente mundial.
As cartas chegaron ás mans do Papa grazas á alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, que tivo a oportunidade de facerlle entrega deste agasallo durante a visita realizada no mes de novembro xunto á Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. Nese encontro, aproveitouse tamén para convidar ao Pontífice a realizar un tramo do Camiño ata Santiago, reforzando o vínculo simbólico entre Triacastela e a ruta xacobea.