O alumnado do CEIP Ricardo Gasset do Incio comparte lembranzas cos maiores nun encontro interxeracional

O alumnado do CEIP Ricardo Gasset do Incio participou nun encontro comunitario cun grupo de usuarios e usuarias da residencia de maiores, unha xornada creativa e interxeracional dirixida pola ilustradora Julia Lago e por Branca, do Colectivo Outonía.
O obxectivo desta actividade era entrevistar ás persoas maiores para descubrir como era a súa infancia, que costumes tiñan, que lles permitían facer e de que maneira se divertían. Tras as conversas, nenos, nenas e maiores realizaron conxuntamente debuxos en formato cómic baseados nesas lembranzas, así como un retrato individual de cada persoa entrevistada.
A iniciativa enmárcase nos obradoiros Artesa en Igualdade, impulsados pola ANPA Ricardo Gasset do Incio en colaboración co Colectivo Outonía, e busca fomentar a convivencia, a igualdade e a transmisión de valores a través da expresión artística.