O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria levará a cabo a actividade 'Sarria sobre rodas'

O próximo 12 de marzo, o alumnado de 1º de ESO do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria desenvolverá unha potente campaña de concienciación sobre o uso responsable de patinetes eléctricos e bicicletas.
A actividade, que forma parte do proxecto #SenVandalismo, comezará ás 8.40 horas e terá lugar nas entradas do centro educativo e do CEIP Frei Luis de Granada.
Durante a campaña, os estudantes estarán acompañados por membros da Policía Local e colocarán cartelería informativa para sensibilizar tanto aos peóns como aos condutores sobre a importancia de respectar as normas de tráfico, especialmente en relación ao uso de vehículos de mobilidade persoal.
A iniciativa tamén incluirá consellos sobre como cruzar a rúa de forma segura e sobre o comportamento adecuado nas vías públicas.
ACTIVIDADES CO CEIP FREI LUIS DE GRANADA
Posteriormente, o alumnado de 1º ESO realizará diversas actividades coas e os estudantes de 4º de Educación Primaria do CEIP Frei Luis de Granada. Estas actividades incluirán unha presentación sobre a normativa de tráfico como usuarios da vía pública, dinámicas lúdicas que achegarán á norma vixente e outras accións que buscan sensibilizar á comunidade escolar sobre a prevención de accidentes.
A elección deste tema responde á preocupación do alumnado polo aumento de casos de uso indebido de patinetes e bicicletas tanto na zona escolar como noutras áreas de Sarria. A campaña pretende promover a educación vial e a responsabilidade individual de cada persoa como usuario da vía pública.
Esta acción forma parte do proxecto socioeducativo #SenVandalismo, un programa pioneiro en Galicia para a prevención do vandalismo entre os mozos e mozas, promovido pola Fundación Barrié e desenvolvido en colaboración coa Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES).
A través desta experiencia, o alumnado non só mellora os seus coñecementos sobre a normativa vial, senón que tamén se converte en axente de cambio, establecendo alianzas con outras entidades e institucións para levar a cabo accións que incidan na mellora da convivencia e seguridade en Sarria e en toda Galicia.