O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria vive unha xornada cultural en Santiago

SarriaXa
A xornada foi valorada como moi gratificante, tanto pola convivencia como polas aprendizaxes adquiridas
alumnado-IES-Xograr-Afonso-Gómez-de-Sarria-Santiago
24 Jan 2025

Os estudantes de 1º de Bacharelato do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria tiveron a oportunidade de participar nunha intensa xornada cultural en Santiago de Compostela, organizada polos departamentos de Música, Plástica e mais a Coordinación de Benestar e Convivencia do centro.

A primeira parada foi o Teatro Principal, onde asistiron á representación de deseXo, unha obra de Talía Teatro que, cun ton cómico, abordou temas fundamentais relacionados coa educación sexual. A obra plantexou preguntas clave: estamos preparados para vivir unha sexualidade sa? Como influencian a pornografía e as redes sociais a nosa percepción das relacións? Por medio do humor, "deseXo" desmontou estereotipos, cuestionou mitos e puxo sobre a mesa a importancia dunha educación sexual sólida, nunha sociedade marcada por unha sexualización crecente e, á vez, chea de tabús.

Despois do teatro, o grupo trasladouse á Cidade da Cultura para visitar a exposición internacional Tattoo. Arte baixo a pel. Durante esta actividade guiada, o alumnado explorou a historia da tatuaxe como unha forma de expresión artística, descubrindo as confluencias culturais que a converteron nun fenómeno global. A través das historias de tatuadores e persoas tatuadas de diferentes épocas e lugares, a exposición achegou unha visión ampla e enriquecedora deste arte.

A xornada foi valorada como moi gratificante, tanto pola convivencia como polas aprendizaxes adquiridas, consolidando unha experiencia inesquecible para os estudantes.

0.1204240322113