O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez promove a educación viaria

O alumnado de 1º da ESO do IES Xograr Afonso Gómez participou nunha actividade de aprendizaxe-servizo enmarcada no programa ‘Sen vandalismo’, unha iniciativa promovida pola Fundación Barrié e desenvolvida coa colaboración da Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES).
A acción social, baixo o lema ‘Sarria sobre rodas’, tivo como obxectivo sensibilizar sobre o bo uso das bicicletas e dos patíns eléctricos, promovendo a convivencia viaria segura e respectuosa.
A campaña desenvolveuse en distintos espazos educativos da localidade. Acompañado pola Policía Local, o alumnado estivo na entrada do CEIP Frei Luís de Granada e do IES Xograr Afonso Gómez, onde realizaron tarefas de concienciación dirixidas ao alumnado máis novo. Explicaron a importancia de cruzar correctamente polo paso de peóns e transmitiron aos usuarios de patinetes eléctricos e bicicletas as normas básicas de circulación e seguridade viaria.
Posteriormente, na biblioteca do CEIP Frei Luís de Granada, o alumnado levou a cabo unha presentación sobre educación viaria, na que deron a coñecer os principais sinais de tráfico e fixeron fincapé nos comportamentos cívicos necesarios para evitar accidentes. A actividade completouse cunha serie de xogos e dinámicas que permitiron reforzar o recoñecemento da normativa básica de circulación dun xeito lúdico e participativo.
Con esta acción, o alumnado non só afonda nos seus coñecementos sobre seguridade viaria, senón que tamén exerce un papel activo na comunidade educativa, contribuíndo á concienciación social e ao respecto polas normas que garanten a seguridade de todas e todos nas rúas.