O alumnado do obradoiro de emprego Sarria, Camiño de Santiago IV recibiu os seus diplomas
A Xunta entregou os diplomas aos participantes no obradoiro de emprego Sarria, Camiño de Santiago IV, que durante o último ano formou a 20 persoas desempregadas en campos con boa saída laboral, como son os relacionados coa albanelería e a carpintería. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 531.000 euros a financiar a actividade, promovida polo Concello.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participaron na clausura xunto co alcalde de Sarria, Claudio Garrido.
Arias destacou que o Goberno galego financiará a posta en marcha doutro taller. A actividade Sarria, Camiño de Santiago V comezará este ano e durará nove meses. Os destinatarios son 20 persoas sen emprego que recibirán formación teórica e práctica ao tempo que se benefician dun contrato de traballo mentres dura o obradoiro.
Arias felicitou ás persoas alumnas traballadoras que completaron con éxito o programa e animounas a aproveitar os coñecementos adquiridos “para optar a un emprego relacionado con estes sectores e mesmo para explorar as posibilidades de emprender un negocio”.
Os que opten por esta vía “contarán co apoio da Xunta a través da rede de polos de emprendemento, nos que se presta de xeito gratuíto apoio e asesoramento a calquera persoa que desexe poñer en marcha unha iniciativa empresarial”. Ademais, lembrou que Sarria conta cunha destas oficinas dende o pasado verán.
O delegado tamén puxo en valor o traballo de servizo público que realizan os obradoiros. Subliñou que a posta en marcha do novo taller de emprego permitirá continuar cos labores de acondicionamento e embelecemento en puntos de interese de Sarria. Están proxectadas actuacións como a rehabilitación de dous pendellos no campo da feira; así como a instalación de portas e xanelas de madeira e outros revestimentos do mesmo material na oficina de turismo, entre outras actuacións.