O alumnado dos dous institutos de Sarria aprendeu sobre música tradicional galega con Carme López
O alumnado do IES Gregorio Fernández, para complementar o proxecto 'Historia da música galega. Ponlle a orella!', organizou o pasado venres un obradoiro de música tradicional galega impartido pola percusionista e ex alumna do instituto Carme López Fernández.
Así, durante unha hora, o alumnado do IES Xograr Afonso Gómez e do IES Gregorio Fernández tivo a posibilidade de tocar distintos instrumentos de percusión tradicionais: pandeiros, pandeiretas, cunchas, botellas, latas de pementón, tixolas de ferro... Tamén conseguiron cantar unha mazurca, unha rumba e un agarrado, acompañados polos distintos instrumentos que eles mesmos tocaron.
Esta semana rematan as actividades do proxecto 'Historia da música galega. Ponlle a orella!' no que o alumnado dos dous institutos sarriaos escoitou ao longo de todo o curso unha selección de 24 temas de música galega.
Esta iniciativa, que naceu no EDLG do IES Gregorio Fernández e na que participa tamén o IES Xograr Afonso Gómez, terá continuidade nos vindeiros cursos con novos temas musicais galegos e coa idea de ampliala a outros centros educativos.