O alumnado dos institutos de Sarria fixo unha saída cultural á exposición “BIS/BARRA” en A Sede

SarriaXa
A iniciativa incluíu un programa de radio en directo desde a propia sala de exposicións
excursión-alumnado-Sarria-exposición-Huhu
15 Jan 2026

O alumnado de 4º da ESO do IES Gregorio Fernández e o alumnado da Biblioteca do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria participaron nunha saída cultural á exposición “BIS/BARRA”, que se pode visitar en A Sede e que está promovida pola Asociación Huhú.

A actividade permitiulles achegarse ao traballo de distintos artistas locais nun contexto creativo e participativo, convertendo a visita nunha experiencia formativa especialmente enriquecedora.

A xornada tivo tamén un marcado carácter colaborativo, xa que reuniu a estudantes de ambos centros nunha mesma actividade cultural, favorecendo o intercambio e o traballo conxunto arredor da arte contemporánea e da creación local.

Como peche da visita, o alumnado realizou un programa en directo para Radio Bolboreta desde a propia sala de exposicións, unha iniciativa que achega a cultura e a comunicación ao ámbito educativo e que poderá escoitarse ao longo desta semana a través das redes sociais.

Desde os centros educativos agradeceron á Asociación Huhú o seu compromiso coa difusión cultural e a excelente acollida ofrecida durante toda a actividade.

⚙ Configurar cookies
0.090469837188721