O arranxo da rúa Diego Pazos chega o martes ao Parlamento

SarriaXa
A Cámara autonómica debaterá a moción presentada polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta a arranxar "de xeito urxente" este vial sarriano
psoe visita diego pazos en Sarria
14 Feb 2021

O arranxo da rúa Diego Pazos de Sarria chega ao Parlamento. Será o vindeiro martes, 16 de febreiro, cando a Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia  debata a moción do PSdeG-PSOE na que reclaman á Xunta de Galicia  “que asuma a súa responsabilidade e arranxe de xeito urxente" esa rúa sarriana.

Así o avanzou a deputada autonómica socialista, Patricia Otero, que vén de visitar esta estrada, acompañada dos responsables do PSOE en Sarria, José Luis Noceda e José Manuel López Torre. Otero lembrou que este vial de titularidade autonómica, transcorre entre os cruces de A Avenida e A Ciguñeira, “e tal e como podemos comprobar atopase nun estado lamentable, o que provoca novamente as queixas veciñais dos seus usuarios e dos comerciantes da vila”.

Para Patricia Otero, o Goberno autonómico “ten que velar e protexer os intereses dos veciños e veciñas, así como dos seus comerciantes, máxime neste momento nos que estes últimos o están a pasar francamente mal pola pandemia da covid-19 e a conseguinte crise económica que está a xerar”.

A deputada denuncia que o PP “ten abandonado esta estrada autonómica, xa que non executa o seu acondicionamento, pero o que é máis grave, tampouco concede o permiso correspondente ao Concello para arranxalo”. Puntualiza ademais “que os traballos de mellora propostos polo Concello de Sarria xa foron rexeitados en varias ocasións por parte do Goberno de Feijóo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15948987007141