O Bacharelato STEMBach ampliarase a máis de 50 centros en Galicia con recoñecemento de créditos universitarios

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O programa educativo, que fomenta competencias STEM, engade oito novos centros e ofrecerá ata 6 créditos ECTS aos estudantes que superen o curso e ingresen nas universidades públicas galegas
Imaxe do bacharelato
17 Ago 2024

O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, amplíase a máis centros e alumnos no próximo curso 2024-2025. A Xunta de Galicia publicou no Portal Educativo a resolución cos oito centros que se incorporan e os 45 que continúan neste programa.

Trátase dos institutos IES Punta Candieira (Cedeira), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES de Cacheiras (Teo), IES de Rodeira (Cangas) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa); así como dos colexios CPR Plurilingüe Alca (Ames), CPR Plurilingüe Cristo Rey (A Coruña) e CPR Plurilingüe Las Acacias (Vigo).

Unha das principais novidades introducidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para o vindeiro curso é o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado que participe neste programa educativo. En concreto, os estudantes que superen o STEMBach e se matriculen nunha das universidades públicas galegas verán recoñecido o seu mérito cun máximo de 6 créditos ECTS de libre configuración ao longo da súa traxectoria universitaria. A participación no Programa Mentoring STEMbach de cada universidade será un requisito para obter estes créditos.

Outra das melloras no programa consiste no recoñecemento dos mellores proxectos de investigación realizados por estudantes en colaboración coas universidades. Ademais, créase a Rede STEMbach, unha estrutura de apoio e reforzo aos axentes implicados no programa. O alumnado desta rede terá preferencia para participar en determinadas accións específicas das universidades e poderá ver o seu traballo promocionado en feiras e publicacións científicas recoñecidas.

Os docentes do STEMBach tamén se beneficiarán desta nova fase do programa, cun acceso facilitado ás instalacións e equipamentos do Centro de Innovación Educativa e Dixital para o desenvolvemento de proxectos. Ademais, disporán de contidos específicos para a ensinanza das materias STEM e dun repositorio común de charlas e recursos relacionados.

A Xunta organizará encontros entre profesorado e alumnado do STEMBach para compartir experiencias e boas prácticas, ao tempo que se fará un acompañamento constante desde a Consellería a través dun espazo virtual común.

Un programa consolidado

Desde a súa implantación no curso 2018/2019, o STEMBach consolidouse como unha aposta clave da Xunta de Galicia pola educación científica e tecnolóxica. No curso 2024/2025, un total de 53 centros ofrecerán este Bacharelato de excelencia, no que xa titularon máis de 1.000 estudantes. Destaca a participación de docentes de renome como Ángel Carracedo, xenetista e catedrático de Medicina Legal da USC.

O programa ten unha duración de dous cursos académicos e está aberto ao alumnado de calquera modalidade de Bacharelato. Enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030 e ten como obxectivo promover o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares relacionados co pensamento computacional e as tecnoloxías inmersivas, como a realidade virtual, a realidade aumentada e a intelixencia artificial. Ademais, o programa procura fomentar o interese do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica, facilitando a súa adaptación á ensinanza universitaria.

0.17881393432617