O beneficio das actividades gandeiras para evitar os incendios forais foi tema dunha charla en Samos

SarriaXa
O encontro foi inaugurado pola alcaldesa, Chus López, xunto coa presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Isabel Gómez
charla-samos-gandarias-incendios
25 Jan 2026

Samos acolleu este sábado a cuarta edición das xornadas tituladas As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña, unha iniciativa organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes coa colaboración da Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Samos.

O encontro foi inaugurado pola alcaldesa de Samos, Chus López, xunto coa presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Isabel Gómez, e estivo centrado nesta ocasión na gandería de vacún como ferramenta clave na xestión do territorio e na prevención dos incendios forestais. Ao longo da xornada presentáronse diversas experiencias prácticas de gandería a tempo parcial, como a de Diego López Vila, propietario dunha explotación de vacún de carne en San Cristovo de Louzara, no propio concello de Samos, ou a de Gutiér Salgado, dedicado ao cebo de bois na parroquia de Torneiros, no concello de Pol.

A programación incluíu tamén un bloque de carácter máis técnico no que se abordou o cebo de animais adultos desde diferentes perspectivas profesionais. Neste apartado participaron Teresa Moreno, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o enxeñeiro agrónomo Santiago Crecente e o veterinario José Manuel López Préstamo, quen analizaron aspectos relacionados coa produción, o manexo e a rendibilidade deste tipo de explotacións.

Durante a sesión da tarde, as xornadas puxeron o foco nas novas ferramentas aplicadas á gandería extensiva, afondando nas posibilidades que ofrecen os cercados virtuais e a dixitalización do pastoreo, así como no desenvolvemento e na valorización do mercado das carnes de calidade. O encontro serviu, deste xeito, como espazo de intercambio de coñecemento e reflexión sobre o papel da actividade agrogandeira na sustentabilidade da montaña galega.

⚙ Configurar cookies
0.07222580909729