O BNG de Sarria acusa á Xunta de provocar unha situación límite na atención sanitaria da comarca

SarriaXa
A deputada Olalla Rodil responsabiliza á Consellería de Sanidade da falta de pediatras e médicos de familia, que deixa sen cobertura a centos de familias
centro-de-saúde-Sarria-BNG
13 Dec 2025

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Parlamento galego varias iniciativas para alertar do grave deterioro da atención sanitaria na área de Sarria, un problema que o grupo considera consecuencia directa da falta de previsión e da inacción da Consellería de Sanidade, que estaría deixando sen cobertura axeitada a numerosas familias.

A deputada Olalla Rodil desprazouse hoxe á localidade acompañada polo portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, e pola concelleira nacionalista Mónica López, co obxectivo de coñecer de primeira man o impacto dun desmantelamento progresivo da atención primaria que, segundo denunciou, xa se deixa sentir de maneira evidente.

Rodil advertiu de que moitas familias están a quedar sen servizo pediátrico suficiente. Recordou que Sarria conta unicamente con dúas profesionais asignadas e que, tras permitirse que unha praza quede vacante, a situación entrou nun punto crítico. A pediatra que continúa activa vese obrigada a asumir tamén a cobertura da facultativa que se xubila, ademais de atender consultas doutros concellos como Láncara (A Pobra), unha carga que cualificou de “inasumible” e froito dunha decisión política do Goberno galego. Insistiu en que non se trata dun episodio puntual, senón do resultado de negarse reiteradamente a reforzar os equipos de atención primaria no interior do país.

A parlamentaria nacionalista tamén puxo o foco na carencia de médicos de familia, asegurando que faltan polo menos tres profesionais e que a Consellería non ten previsto substituír as próximas xubilacións, o que deixará nunha situación aínda máis delicada a concellos como Samos, O Incio e Triacastela. Acusou ao departamento autonómico de ser “plenamente responsable dun desmantelamento continuado da sanidade pública na comarca”.

Desde o BNG esixen que o servizo de pediatría de Sarria se restableza con urxencia, garantindo todas as prazas cubertas e o persoal preciso para ofrecer unha atención digna. Rodil lamentou que a Xunta continúe “mirando para outro lado” e instou á cidadanía a presentar queixas formais no centro de saúde para facer visible unha realidade que cualificou de insostible.

O portavoz municipal Efrén Castro lembrou que o BNG de Sarria leva moito tempo denunciando a perda de recursos sanitarios no municipio e advertiu de que as políticas do PP están conducindo a sanidade pública ao colapso. Subliñou que a formación seguirá defendendo unha atención sanitaria pública e de calidade “alí onde sexa preciso”.

Rodil concluíu reivindicando que “queremos pediatra, precisamos pediatra e temos dereito a pediatra”, lembrando que é obriga da Consellería garantir un servizo público accesible e de calidade para toda a poboación.

⚙ Configurar cookies
0.07274603843689