O BNG acusa ao goberno local de Sarria de provocar a emerxencia sanitaria pola xestión do lixo

SarriaXa
Os nacionalistas atribúen a situación a sete anos sen renovar o contrato e denuncian o deterioro do servizo e das condicións laborais
lixo-Sarria
11 Apr 2026

O BNG de Sarria responsabiliza ao goberno municipal da actual situación de emerxencia sanitaria declarada no concello, que vincula a anos de falta de actuación na xestión do servizo de recollida de residuos. A formación asegura que este escenario é consecuencia de “sete anos de desleixo” por parte do executivo local.

Segundo os nacionalistas, o actual goberno herdou uns pregos preparados para iniciar unha nova licitación do servizo, pero optou por non tramitalos e mantelos paralizados durante todo este tempo. Esta decisión, afirman, provocou un progresivo deterioro do sistema de recollida do lixo ata chegar á situación actual, que cualifican como a peor etapa en materia de limpeza das rúas da vila.

O BNG advirte de que este problema ten repercusións directas na saúde pública, motivo polo que se decretou a emerxencia sanitaria, pero tamén afecta á imaxe de Sarria e á situación laboral do persoal encargado da limpeza.

A formación sostén que o executivo municipal limitouse a non continuar o traballo iniciado polo anterior goberno, o que, ao seu xuízo, evitaría o escenario actual. Neste sentido, o portavoz municipal do BNG, Efrén Castro, cuestionou a capacidade do goberno para xestionar un servizo básico como o da recollida de lixo.

Castro criticou que durante estes anos non se impulsase ningunha proposta para renovar o contrato e acusou ao alcalde de tratar de desviar responsabilidades cara á oposición. Ademais, lamentou que o municipio sexa noticia pola falta de limpeza, unha situación que considera prexudicial para a veciñanza e para a imaxe da localidade.

0.098170042037964